Escoitar

O alcalde valora a “enorme complexidade técnica” da obra de ampliación da ETAP do Casal

Durante a visita ás obras de ampliación da Estación Potabilizadora de Auga de Vigo, Abel Caballero avanzou que a previsión municipal é que estea en funcionamento o vindeiro outono.

xoves, 18 ago 2022
O rexedor durante a visita ás obras da ETAP do Casal
O rexedor durante a visita ás obras da ETAP do Casal

Cun orzamento de 22,8 millóns de euros, “a obra marcha extraordinariamente ben” malia presentar unha “enorme complexidade técnica tanto pola tecnoloxía empregada como pola necesidade de compatibilizar o uso entre a nova e a vella potabilizadora durante o desenvolvemento da obra. Segundo explicou o rexedor, a previsión é que o novo sistema estea en probas o vindeiro mes de abril, de xeito que no outono de 2023 a potabilizadora estará en funcionamento.

O alcalde visitou este xoves o edificio de reactivos de depuración, de tres plantas, cun novo sistema de filtros de altísima tecnoloxía que permitirá a “ultrafiltración” que dará como resultado “unha auga potabilizada de elevadísima calidade”. O sistema permite detectar “ínfimas partículas” na auga polo que se ve incrementada a capacidade de depuración do sistema. Amais desenvolveranse as obras de rehabilitación do edificio do laboratorio ambiental e a urbanización da parcela coa adecuación dos espazos á nova instalación.

O custo da obra, tal e como explicou Caballero, non se repercutirá na cidadanía porque non subirá o recibo da auga. A ampliación da potabilizadora permitirá incrementar a capacidade da planta, que agora trata 900 litros por segundo e que pasará, nunha primeira fase, a 1.500 e finalmente a 2.200 litros por segundo “dúas veces e media máis, o que é tan importante para a cidade para darlle maior calidade á auga, que xa é de altísima calidade”.

A ETAP do Casal trata cada ano 21 millóns de metros cúbicos de auga, da que case un 16% vai para os municipios de Cangas, Moaña, Redondela e Mos, por tanto, 90.000 habitantes de fóra de Vigo van recibir auga potabilizada nunha infraestrutura pagada por Vigo. O alcalde lamenta que a Xunta de Galicia non financie unha parte da potabilizadora que é unha dotación supramunicipal: “se algo corría présa é esta potabilizadora e a Xunta puxo tódolos paus posibles nas rodas para atrasala”. Censurou tamén que o goberno autonómico siga sen facer a condución de emerxencia dos ríos Verdugo e Oitavén e sen rebaixar o caudal ecolóxico para incrementar a auga na presa de Eiras, da que non soamente se abastece a cidade senón tamén outros municipios.

No tocante ao procedemento administrativo, Caballero detallou que o Concello de Vigo solicitou o 30 de marzo a autorización para a nova potabilizadora polo que “se actuara con dilixencia nestes momentos estaría acabada e en funcionamento”. O 20 de marzo de 2020 o Concello enviou á Xunta o proxecto de construción da ETAP, que requiriu documentación municipal o 6 de xullo. O Concello tardou 11 días en enviar o documento construtivo completo. O 19 de novembro o goberno autonómico pediu documentación complementaria, que se remitiu o 10 de decembro. Tres meses despois fai outro requirimento de nova documentación, enviada 14 días despois. Dous meses e 6 días despois, os técnicos de Sanidade contactan por teléfono con técnicos municipais para falar da documentación enviada e non será ata o 1 de xullo de 2021 cando se pode iniciar a obra. É dicir, a autorización da Xunta tardou 16 meses. “A Xunta esmerouse en poñer dificultades á nova potabilizadora da cidade de Vigo”, recalca o alcalde.

O rexedor durante a visita ás obras da ETAP do Casal
Descargar todas as imaxes