Vigo ofrece a xestión municipal “se a Xunta non que se queda coa Biblioteca do Estado”
Abel Caballero anunciou este xoves o envío dunha “carta oficial” ao Ministerio de Cultura coa proposta: “Se a Xunta de Galicia non se queda coa Biblioteca do Estado cando estea construída, asúmea integramente o Concello de Vigo”. O rexedor denunciou “obstáculos” do goberno autonómico ao proxecto.
O Concello de Vigo ofrécese a asumir a futura Biblioteca do Estado que planifica do Goberno de España na rúa Lalín. Caballero adiantou este xoves que remitirá unha “carta oficial” coa alternativa ao Ministerio de Cultura, dado que a Xunta de Galicia -administración na que recaería a xestión do novo espazo cultural- “protesta, di que non a quere e pon obstáculos”.
“A Xunta puxo o grito no ceo no Ministerio porque eu dixera que son 8.000 metros cadrados (de Biblioteca) na parcela que entregou o Concello, que vale 3,5 millóns de euros”, afirmou Caballero, quen engadiu que o Goberno de España “vai pagar a construción, que se vai ir por riba dos 17 millóns de euros”.
O primeiro edil vigués asegurou que “o conselleiro de Cultura protestou á directora xeral, ao Ministerio de Cultura, que como se lles ocorría que falase o alcalde da Biblioteca”, afirmou. “Isto que lles estou contando acaba de ser, nestes días”, engadiu. Así, e ante os “obstáculos” da Xunta de Galicia, anunciou o envío dun escrito a Madrid: “Se a Xunta de Galicia non se queda coa Biblioteca cando estea construída, asúmea integramente o Concello de Vigo”. “A Xunta de Galicia que se vaia, que non encordie, que deixe de dar a lata”, concluíu Caballero.