Escoitar

O alcalde dá a benvida ao Foro InmuneVigo, primeiro congreso médico cunha parte presencial desde o inicio da pandemia

Caballero agradeceu aos profesionais sanitarios a súa “xenerosidade, capacidade investigadora e o excelente traballo durante a pandemia”.

venres, 16 abr 2021

O alcalde deu esta mañá a benvida aos asistentes ao II Foro Transdisciplinar en Enfermidades Inmunomediadas, primeiro congreso médico cunha parte presencial que se celebra na cidade desde o inicio da pandemia. “É un privilexio que elixísedes de novo Vigo para este importante encontro”, afirmou, facendo referencia ao I Simposio Multidisciplinar que a Sociedade Española de Reumatoloxía celebrou na cidade en 2016.

Acompañado polo presidente do comité científico e xefe de Reumatoloxía do Chuvi, o doutor Ceferino Barbazán, agradeceu aos profesionais da sanidade a súa capacidade investigadora, a súa xenerosidade e o seu labor, especialmente “o excelente traballo que desenvolvestes durante o último ano fronte á pandemia e o complicado proceso que está a supoñer a vacinación”.

Caballero desexou que “podamos retomar canto antes os encontros presenciais e cun aforo normal”, xa que “o máis importante dun congreso é o poder coñecernos, conversar cara a cara, establecer unha rede de contactos e pasear pola cidade”.

Por último, o rexedor estableceu un paralelismo entre o “proceso de unidade e de concordia da ciencia” co que se vive na cidade e desexou que na próxima convocatoria as condicións sexan mellores e poidan coñecer a fondo Vigo.

 

 

Descargar todas as imaxes