Escoitar

Abel Caballero destaca a memoria democrática como “o piar central da nosa democracia”

O presidente da Femp e a a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, presentaron o Plan de Memoria Democrática da FEMP que recolle actuacións de 92 concellos de toda España impulsadas cunha subvención estatal de 750.000 euros.

xoves, 4 mar 2021
Comparecencia de Abel Caballero e Carmen Calvo
Comparecencia de Abel Caballero e Carmen Calvo

Para o alcalde de Vigo “a memoria democrática representa o piar central da democracia no noso país. Sen Memoria Democrática non hai democracia”, declarou este xoves ante a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, no transcurso do acto de presentación do Plan de Memoria Democrática da FEMP no que se deu conta da posta en marcha de 92 actuacións noutros tantos municipios de toda España para a investigación e exhumación de restos enterrados en fosas durante a Guerra Civil e a Ditadura. Ditas actuacións foron subvencionadas con 750.000 euros do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática e xestionados pola FEMP.

Para Caballero, manter viva e activa a recuperación da memoria democrática, precisamente no mesmo momento no que se está afrontando a pandemia, significa que “seguimos mantendo os grandes eixos da democracia”, algo “fundamental para a vida dun país” no que hai moita xente que sufriu tanto e durante tanto tempo. Ao seu xuízo, esas feridas pecharanse para sempre cando a recuperación da memoria democrática sexa plena.

O presidente da FEMP agradeceu o compromiso e o traballo do Goberno e, en especial, o da vicepresidenta Carmen Calvo, á que recoñeceu a súa crenza persoal nesta acción e o seu traballo político, realizado de forma tranquila, “sen agresividade, tratando de pechar feridas”. Agradeceu tamén o traballo de alcaldesas e alcaldes dos 92 municipios, a maioría deles conectados por videoconferencia ao acto, aos que animou a seguir adiante e aos que desexou “moita forza e moito ánimo”. Amais, valorou o compoñente de igualdade como formulación transversal incorporada ás liñas de actuación do plan de Recuperación da Memoria democrática.

Perspectiva de xénero

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, manifestou a súa “débeda de gratitude” aos municipios españois e aos seus alcaldes e alcaldesas que traballan para mostrar respecto ás vítimas sen cor política. “Debémosllo aos que aínda viven e agardan esta esperanza. Debémosllo a asociacións e familias que esperaban que a democracia lanzase luz sobre as súas dores”, sinalou.

Carmen Calvo defendeu, ademais, a incorporación da perspectiva de xénero nunha futura lei para evitar a invisibilidade daquilo que achegaron as mulleres na loita constitucional, no exilio, co seu traballo e o sufrimento das que quedaron soas cos seus fillos e desatendidas por atoparse no bando perdedor. Neste sentido, destacou que reivindicarán a alcaldesas e concelleiras de antes da Ditadura.

Na súa intervención a vicepresidenta anunciou, que o plan se ampliará a máis municipios e deputacións, cabidos e consellos insulares. “Non imos parar”, asegurou.

Subvención de 750.000 euros

A FEMP financiará con 750.000 euros as actuacións destinadas á recuperación da memoria democrática propostas por 92 municipios. A súa utilización permitirá a exhumación de restos de persoas desaparecidas en fosas da Guerra Civil e o franquismo, así como outras actuacións de investigación, localización e identificación de vítimas en concellos de 25 provincias de 12 comunidades autónomas. O Goberno destina unha cantidade similar a subvencións directas polo que a suma de chega a 1,5 millóns de euros. O plan, subliñan desde o Ministerio pretende ser unha fase transitoria ata o momento de poñer en marcha o Plan Cuadrienal de procura de persoas desaparecidas durante o Golpe de estado, a Guerra Civil e a Ditadura, que conta cun financiamento de 4 millóns de euros prevista nos Presupostos Xerais do Estado para 2021 (3 millóns serán para as CCAA e 1 para as entidades locais a través da FEMP.

Plan de Memoria Democrática FEMP

No acto desta mañá presentouse o Plan de Memoria Democrática da FEMP, no que queda recollida a relación dos concellos cuxas propostas de actuacións nesta materia foron aprobadas na convocatoria realizada pola federación. As previsións apuntan a recuperación de case 4.000 restos (estimados) principalmente nos cemiterios. Dos 92 municipios con propostas aprobadas, 62 son menores de 20.000 habitantes -35 deles teñen menos 5.000-.

 

 

 

Comparecencia de Abel Caballero e Carmen Calvo
Descargar todas as imaxes