O Concello inicia o transplante das árbores da Praza da Estación, que será remodelada
O alcalde avanzou este luns que sete palmeiras serán trasladadas a Samil e oito exemplares de liquidámbar, ao parque de Barreiro. Os traballos se realizarán entre esta e a próxima semana, en función da climatoloxía, como parte da transformación do entorno da estación do AVE de Urzáiz.
Abel Caballero informou este luns do inicio dos traballos de transplante de quince exemplares arbóreos da Praza da Estación. Entre esta semana e a próxima, dependendo do clima, sete palmeiras serán trasladadas e plantadas en Samil e outros oito liquidámbar, na zona máis urbana parque de Barreiro.
“Isto forma parte dunha remodelación enteira da estación do tren de alta velocidade, dos accesos desde a autoestrada á cidade, dun gran edificio de Thom Mayne cun ascensor que une dúas zonas de trinta mil habitantes e da vella Praza da Estación que estamos refacendo”, afirmou Caballero.
A este respecto, segundo os últimos prazos ofrecidos, a estación de Vialia de Urzáiz está a menos dun ano da súa apertura, mentres que os traballos dos accesos viarios xa están en execución. A remodelación da Praza da Estación prevé a súa adxudicación para decembro e inicio das obras, en xaneiro, e contempla recuperar e reconstruír contra o muro a antiga fachada da terminal ferroviaria, ademais de instalar un elevador que conecte a futura praza con unión de Urzáiz e a Vía Norte.
Ademais, no entorno da nova estación de Vialia que constrúe Ceetrus en Urzáiz, o Concello prevé habilitar outro ascensor que conecte a zona de Rosalía de Castro e García Barbón -emprazado xusto detrás das torres- coa terraza da futura estación, que estará á altura de Vía Norte.