Escoitar

O Concello inicia en dez días a construción dun parque biosaudable entre Castrelos e Fragoso

Estará emprazado en Eugenio Arbones e suporá un investimento de 18.000 euros por parte do goberno de Vigo. O alcalde anunciou este venres que as obras comezarán o 31 de agosto e se sumará aos 68 espazos dispoñibles en Vigo para a actividade física das persoas maiores.

venres, 21 ago 2020
O alcalde compareceu este venres en rolda de prensa presencial e telemática
O alcalde compareceu este venres en rolda de prensa presencial e telemática

O primeiro edil vigués avanzou este venres que o próximo 31 de agosto arrancarán no parque de Eugenio Arbones os traballos de construción dun novo biosaudable, o sexaxésimo noveno da cidade. Abel Caballero recordou que no 2007, á súa chegada á Alcaldía, Vigo só contaba cun único espazo destas características.

O orzamento municipal para o novo parque roza os 18.000 euros e a obra prolongarase por un prazo estimado de dous meses. Eugenio Arbones localízase entre as avenidas de Castrelos e Fragoso, un pouco máis abaixo do pavillón das Travesas, á altura das rúas Pastora e Caleira.

A actuación, informou o alcalde, contempla a escavación e movemento de terras para acondicionar o terreo, unha nova entrada á area e a instalación de sete elementos: equipos de cintura, hóckey, elíptica, remo, volantes e timón, pedais e barras. O Concello proxecta dotar ao recinto de bancos e solo de xabre.

Abel Caballero considerou cuberta a demanda de biosaudables cos case setenta parques dos que disporá Vigo, mais animou á cidadanía a propoñer ao goberno que preside posibles emprazamentos onde construílos: “A xente maior que crea que hai algún sitio onde é necesario un parque de maiores, que nolo digan. Eu son receptivo á idea”.

Descargar todas as imaxes