Escoitar

O Concello reforza a vixilancia na rúa e reduce o aforo en espazos públicos

O rexedor reuniu este venres ao comité de seguimento do Covid-19 no que se abordou a redución do aforo nos ámbitos públicos da cidade, a prohibición de consumir alcohol na rúa fóra das terrazas e a necesidade de gardar distancia e usar máscara. “Permaneceremos moi vixilantes e imos ser moi estritos”, advertiu.

venres, 14 ago 2020
Abel Caballero comparece en rolda de prensa
Abel Caballero comparece en rolda de prensa

Abel Caballero advirte á cidade que debe tomar en serio a situación actual "isto non é unha broma. Isto é moi serio”, apuntou Caballero en rolda de prensa ao informar sobre as decisións tomadas no comité de seguimento do Covid-19.

O alcalde lembrou que está “terminantemente prohibido consumir alcohol nas rúas de Vigo a excepción das mesas das terrazas das cafeterías”, polo que non se pode consumir de pé, nin facelo paseando por ningún lugar da cidade. En segundo lugar, sinalou que debe manterse a distancia de seguridade “exquisita e escrupulosamente” e usar a máscara protectora sempre na rúa cando non haxa a distancia de dous metros. En terceiro lugar, Caballero avanzou a redución de aforo nos ámbitos públicos; no caso das vodas en Castrelos a presenza de convidados queda limitada a 25 persoas, o resto dos asistentes debe quedar fóra do pazo, no espazo aberto.

O rexedor deu conta da imposición de 300 multas desde o 13 de xuño, por incumprimento da normativa explicando que “o conxunto do cumprimento é moi satisfactorio pero faremos vixilancia especial aos recalcitrantes ao cumprimento”. Así, a Policía Local ten as instrucións para vixiar e facer cumprir a prohibición total de consumir alcohol na rúa e a prohibición de non fumar sen distancia de seguridade. Nas últimas noites inspeccionáronse 17 locais de ocio nocturno nos que se detectou un “cumprimento absoluto de todos en aforo e uso de máscaras”.

Con todo, avisa Caballero: “permaneceremos moi vixilantes e imos ser moi estritos”. Segundo adiantou, esta fin de semana “faremos vixilancia e atención especial” aos incumprimentos na cidade, un reforzo que o Concello manterá toda a semana próxima. Considera que o 99% da cidadanía viguesa está concienciada excepto un “1-2% da poboación e non imos tolerarlles que manteñan unha actitude irresponsable. Se hai que multar, múltase”.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes