O Pleno aproba por unanimidade conceder a Medalla da Cidade 2020 ao colectivo sanitario
A proposta recoñece o seu labor e o traballo desenvolvido durante a crise do coronavirus. Na sesión extraordinaria deste venres a Corporación Municipal aprobou tamén, coa abstención de Marea de Vigo, a concesión dos premios "Viguesas e Vigueses Distinguidos 2020".
A unanimidade do Pleno do Concello extraordinario celebrado este venres concedeu a Medalla da Cidade 2020 ao colectivo sanitario en recoñecemento ao seu labor e o seu traballo na crise do coronavirus. A proposta aprobada hoxe recoñece o “papel do persoal sanitario que atendeu ás persoas afectadas durante a pandemia de enfermidade provocada polo Covid 19 e que traballou de forma exemplar cun grande sentido da responsabilidade, gran dedicación e dando o mellor de si mesmos” sinalando que cumpriron co seu labor “con compromiso e coa responsabilidade de coidar a toda a cidadanía”.
A Corporación Municipal aprobou tamén a concesión dos galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos 2020 -coa abstención de Marea de Vigo e tras abandonar o Pleno o concelleiro non adscrito - ás seguintes persoas e entidades:
-Julio Picatoste Bobillo, polo seu labor como maxistrado
-Carlota Corredera Llauger pola súa promoción da cidade de Vigo e o seu traballo como xornalista
- Iván Álvarez Faginas, axente antidisturbios da unidade de intervención policial UIP, polo seu traballo en defensa da Carta Magna nos actos en Cataluña
- Club Peña Trevinca, polos máis de 74 anos dedicados ao montañismo
- Alejandro Gómez Cabral, en recoñecemento á súa contribución ao atletismo
- Solidariedade Galega do Pobo Saharauí, pola súa axuda humanitaria ao pobo saharauí
- Corpo da Policía Nacional, Autonómica e Local, Garda Civil e Protección Civil, polo seu traballo na loita contra a pandemia
- No eido educativo, reciben o galardón por cumprir 50 ou máis anos de docencia na cidade ou polas súas circunstancias singulares os seguintes centros: Centro de Educación especial Saladino Cortizo, CEIP Santa Mariña, CEIP Valle-Inclán, CEIP Sello, CEIP Sárdoma Moledo, CEIP Paraixal, CEIP Javier Sensat, CEIP Igrexa-Candeán, CEIP A Paz Tintureira, Ceip Emilia Pardo Bazán, Colexio San Fermín, Colexio Atalaya Cantabria, Colexio Possumus, IES Santo Tomé de Freixeiro, IES Valentín Paz Andrade Centro Integrado de Formación Profesional e o IES Castelao.