O goberno de Vigo modifica o proxecto do ascensor de Torrecedeira e prevé retomar as obras en dúas semanas

A Xunta de Goberno Local validou este venres o proxecto modificado do ascensor que une Torreceira con Pi y Margall, investindo 333.000 euros para solucionar a vibración da pasarela de acceso. Unha vez formalizado o cambio do contrato, a empresa ten que reiniciar os traballos nun prazo máximo de dez días hábiles.

venres, 20 mar 2020

O alcalde explicou que as probas de carga da pasarela que dá acceso ao elevador revelaron unha “pequena oscilación” nesta, sen afección á seguridade pero si á “comodidade” da infraestrutura, unha “vibración” que o goberno vigués pretende resolver coa aprobación deste proxecto modificado. A solución técnica proposta pasa por reforzar a estabilidade da pasarela engadíndolle un novo piar de suxeición.

A reforma do proxecto supón un incremento adicional de 333.000 euros, un 6,4% de modificación sobre a adxudicación das obras por causas xustificadas, segundo argumentou Caballero. Unha vez formalizado o cambio no contrato, a empresa deberá retomar as obras nun prazo máximo de dez días hábiles.

Por mor desta incidencia técnica, esta infraestrutura -que contou con financiamento dos fondos FEDER da Unión Europea dentro do proxecto de desenvolvemento sostible Vigo Vertical- nunca chegou a poñerse en funcionamento. Abel Caballero agarda poder abrilo “o antes posible” dada a “gran demanda” de uso existente.

Outros acordos

O alcalde tamén deu conta doutros asuntos aprobados na sesión deste venres da Xunta de Goberno Local. En primeiro lugar, informou da aprobación do proxecto básico e de execución para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Fragoselo, en Coruxo, que presenta un importe lixeiramente superior aos 212.000 euros.

En segundo lugar, o rexedor informou da ratificación da proposta de compravenda por parte da Zona Franca de Vigo dos edificios municipais de Areal e rúa Oporto, o coñecido como o antigo reitorado e o edificio anexo. O Consorcio estatal abonará polos inmobles un total de 5,6 millóns de euros.

Abel Caballero valorou esta operación e defendeu un modelo no que as institucións públicas se fan cargo de edificios en Vigo, pagan o seu funcionamento e mantemento e os dotan de contido e actividade social para a cidade. O rexedor asegurou que esa é a vocación da Zona Franca e a que aplica a Deputación de Pontevedra na súa nova sede do Casco Vello vigués.