Escoitar

Abel Caballero lamenta que o presidente da Xunta responda negativamente ás peticións do Concello

O alcalde de Vigo respondeu este mércores á carta do presidente da Xunta sobre as peticións para levar a cabo diferentes investimentos na cidade e lamentou que ningún dos requirimentos fose aceptado. "É lamentable que falsee os datos sobre o gasto da Xunta en Vigo", sinalou.

mércores, 18 set 2019
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este martes en rolda de prensa que a resposta do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ás peticións por carta fosen todas negativas e indicou que o mandatario galego "falsea" as contas respecto dos investimentos da administración autonómica na cidade.

"Fíxenlle 31 requirimentos e dixo non ás 31 cuestións que o alcalde de Vigo expuxo", sinalou Caballero antes de relatar todas as cuestións que lle trasladara a principios de agosto nunha carta remitida desde Praza do Rei.

Abel Caballero mencionou na súa comparecencia ante os medios de comunicación temas como a candidatura do Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade, o investimentos en centros de día ou escolas infantís e obras como as ramplas de Gran Vía, o pavillón de Matamá e o acceso ao Colexio Párroco don Camilo. "Non quere poñer diñeiro para Balaídos nin para as pistas de atletismo, apoio a orquestras, concertos non, festas non, é non a todo", apuntou.

"Falsea os datos, porque a depuradora a paga a cidade de Vigo e Europa, a Xunta pediu crédito para adiantar diñeiro que lle estamos pagando a razón de 6 millóns ao ano no canon de saneamento; no hospital, que está sen pagar, cobra os aparcamentos e o Plan de Navia o contabiliza sen aprobar", asegurou.