Escoitar

A Travesía a Nado Ardora, nocturna na ETEA, en xuño e coa etiqueta de "proba de excelencia"

Club Natación Vigo Rías Baixas, Concello de Vigo e Mercado de Teis, organizador aquel e patrocinadores estes, presentaron esta mañá a Travesía a nado Ardora, proba nocturna que por terceiro ano consecutivo elixe xuño, esta vez o sábado 29 (23:15 horas), para que 120 participantes (hai inscrición restrinxida por motivos de seguridade) gocen cun evento "único en Galicia", segundo sinalou Antonio Vázquez, presidente da entidade deportiva.

mércores, 15 mai 2019
1557939994TravesiaRiasBaixas.jpg
O Vigo Rías Baixas celebrou en 2017 a primeira edición deste campionato, sempre coa dársena da praia de Ríos como escenario. "Tardamos cinco anos en preparala", apuntou Vázquez, "pola súa casuística", dixo, e "aos poucos vai crecendo". O máis problemático: "É unha travesía complicada de organizar porque é de noite; calquera tipo de seguro custa o dobre", explicou.

Cun tercio das inscricións xa cuberto, Vázquez dixo que "é unha travesía única en Galicia". Hai outras, pero noutras comunidades autónomas. Nadarán unha milla náutica (1.852 metros) entre boias luminosas (luces led azuis), cos nadadores portando gorros con barras químicas para unha inmediata localización e estreitamente vixiados por neumáticas e kayaks.

"Somos un club de barrio, que naceu en Teis hai vinte e tres anos, e non hai outro punto mellor para presentar este evento", sostivo o dirixente do Rías sobre a elección de escenario para a rolda de prensa. O mercado de Teis, que organiza dende este ano unha carreira atlética popular, tamén patrocina este evento, que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, cualificou de "proba de excelencia no calendario de eventos da cidade", ao ser "totalmente diferente; cada vez ten máis auxe e repercusión", indicou o edil.

Precisamente hai un ano o concelleiro pedira ao club "que désemos o salto para lograr o carácter internacional". E así foi: haberá representación italiana e rumana nun evento moi custoso polas lóxicas medidas de seguridade que marca Capitanía Marítima. "Calquera tipo de seguro custa o dobre dunha proba de día", lembra Vázquez.

Vigo xa conta con competicións nocturnas doutras modalidades e faltaba a natación. "A dársena da ETEA préstase para facer moita actividade náutica e esta xa é unha proba de referencia", explicou Fernández.

Roberto Giráldez, xerente do mercado, a quen durante a presentación uniuse a presidenta da praza de abastos, Emma Herbello, desexou "moitos éxitos" á nocturna "porque facedes que a xente veña, coñeza Teis, coñeza Vigo e as marabillas que este barrio vigués ten".

O CN Rías Baixas incidiu tamén que é unha travesía aberta a nadadores con discapacidade. "Contamos cos medios necesarios para que se sintan libres no auga".
Descargar todas as imaxes