Escoitar

A escritora e editora Anaír Rodríguez, autora do bando do Día das Letras Galegas

A autora dos dous libros "Pioneiras. Galegas que abriron camiño" será a encargada da redacción do bando da festividade do 17 de maio, Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao historiador e xeógrafo Antón Fraguas.

mércores, 15 mai 2019
Anaír Rodríguez redactará o bando do Día das Letras Galegas, texto ao que dará lectura o próximo venres ás 12h na Praza da Constitución, onde o Concello celebra o tradicional acto pola festividade do 17 de maio, este ano en homenaxe a Antón Fraguas.

Anaír Rodríguez é escritora e editora de Xerais, licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e autora dos dous albumes "Pioneiras. Galegas que abriron camiño". É tradutora de obras infantís e xuvenís, ademais de socia fundadora da asociación Espazo Lectura e coautora de diversos materiais de ensino da lingua galega.