Escoitar

O goberno local inaugura a zona dos máis pequenos do macroparque infantil de Navia

O macroparque infantil de Navia xa está operativo para os menores de seis anos, segundo comprobou esta tarde o rexedor durante unha visita. En apenas unhas semanas estará en funcionamento toda a área de recreo, que se sumará á zona deportiva e de descanso, que xa están abertas ao público.

venres, 1 mar 2019
O alcalde inaugurou hoxe venres a zona do macroparque de Navia para os nenos menores de seis anos, - a dos máis maiores estará lista nunhas semanas -, unha vez que a semana pasada xa se puxera en funcionamento a zona deportiva e a área de descanso. O total da actuación, que inclúe unha pista de skate, roller e BMX, elévase ao 1,4 millóns, detallou o rexedor.

Ao mesmo tempo, o Concello xa comezou cos traballos de construción da biblioteca de Navia, que conta cun orzamento de case medio millón de euros e 200 postos de lectura. Esta dotación cultural vense sumar á de Bouzas, á Neira Vilas e á do Auditorio Mar de Vigo. Outra das actuacións que se están a desenvolver en Navia é a remodelación do campo de fútbol, cun investimento superior aos 300.000 euros, o que permitirá renovar o céspede e máis a iluminación. O alcalde rematou referíndose á renovación de 75 puntos de luz que o goberno local vén de renovar en Teixugueiras.

Coia
O alcalde deu detalles tamén da obra de reforma da zona dos Volcáns, na Avenida Castelao, unha obra enmarcada na construción do carril bici Samil-Teis, que está dotada con 500.000 euros. A actuación prevé a retirada dos elementos existentes -en estado de deterioro – que será substituído por un volcán en pezas de cerámica de cor, estilo Gaudí, con modernos mecanismos de auga. A previsión é que se instalen mesas e bancos na zona verde continua e manteranse os parques e as pistas deportivas.

Outro dos proxectos que repasou hoxe Caballero é a reorganización da Praza do Emigrante para a integración do carril bici. A mellora desta transitada zona suporá unha inversión de 450.000 euros e prevé conservar elementos característicos do espazo como o cruceiro de pedra. Ampliarase a dársena que xa existe para o transporte público, integrándoa dentro dunha nova praza, cunha gran pérgola acristalada. Outro dos espazos que se están rehabilitando é a Praza América, que será transitable, tal e como foi concibida polo escultor no seu momento.