Escoitar

O alcalde denuncia a gravidade da situación sanitaria da cidade de Vigo

Logo de producirse dúas dimisións máis de xefes de servizo na área viguesa, Caballero esíxelle ao presidente da Xunta que tome medidas para "garantir" a atención sanitaria na cidade.

luns, 17 dec 2018
"Seguen dimitindo" os xefes de servizo, apuntou o rexedor, con "practicamente todos" os responsables dos centros de saúde, 25 de 31, deixando as súas responsabilidades polo que "constatamos a gravidade" da situación sanitaria en Vigo, denunciou.

Abel Caballero criticou que Núñez Feijoo leve "10 anos gobernando, di agora que non hai médicos e parece que non pasa nada", advertindo que debería ter previsto esta situación de falta de persoal sanitario. Amais, dixo, o presidente da Xunta desbotou o proxecto integrador que existía para ampliar a atención primaria en Vigo, que contemplaba a creación de cinco centros novos, pactados e acordados con toda a sanidade viguesa e "non só non fixo centros senón que cerrou un".

O rexedor cualificou de "fracaso con maiúsculas" recoñecer dez anos despois de comezar a gobernar que non está en condicións de garantir a calidade asistencial en Vigo e Galicia. "É gravísimo e esíxolle que se poña a arranxalo e garantir a sanidade na cidade".