Escoitar

O alcalde discrepa con que a Zona Franca de Vigo achegue a un fondo común o 12% dos seus ingresos

O rexedor criticou esta mañá a decisión do goberno central de que as zonas francas acheguen ata o 12% dos seus recursos financeiros a un fondo común que servirá para atender aos consorcios con peores resultados. En rolda de prensa, explicou que esta decisión suporá o transvase de recursos de Vigo a outras territorios, fondos para a expansión de solo industrial ou fomento do emprego.

xoves, 24 mai 2018
O alcalde de Vigo amosou esta mañá a súa discrepancia con que a Zona Franca de Vigo teña que aportar a un fondo común entre o 4 e o 12% dos seus recursos financeiros (os que proceden dos impostos de sociedades das empresas radicadas nela). Tal e como establece a Lei de Orzamentos Xerais, este fondo común servirá para atender as zonas francas con déficit, unha decisión que suporá un transvase de recursos desde Vigo a outras zonas e que suporá moitos millóns de euros que xa non servirán para expandir empresas ou seguir a fomentar o emprego na área de Vigo.

Logo de precisar que a Zona Franca de Vigo é a mellor xestionada de España, Caballero precisou que "podo entender que se cree un fondo que aprovisione fondos con ata o 2% dos recursos, pero nunca na magnitude que recolle a proposta do goberno central, que chega ao 12%". Defendeu que as autoridades portuarias conten cun fondo interportuario porque prestan un servizo público fundamental para todos os territorios pero matizou que "as zonas francas son outra cousa".