Escoitar

O alcalde recibe no Concello aos Reis Magos en compañía dos nenos e nenas vigueses

Melchor, Gaspar e Baltasar acudiron á Praza do Rei antes do seu percorrido polas rúas da cidade. Caballero indicou que todo apuntaba a que choiva respectará o paso das carrozas

venres, 5 xan 2018
1515159939reis.jpg
Abel Caballero recibiu este xoves ao Reis Magos de Oriente en compañía dos nenos e nenas da cidade, que acudiron de forma masiva á Praza do Rei antes da cabalgata que percorrerá pola tarde as rúas de Vigo. O alcalde indicou que as previsións meteorolóxicas apuntaban a que a choiva respectará o paso das carrozas.

"Todo sinala que o decreto de que non chova ás seis da tarde vai ser eficaz, vai dar resultado, parece que as previsións garanten unha tregua", indicou o rexedor despois de saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis saudaron ao alcalde e aos máis pequenos, que abarrotaron a lonxa do Concello para entregar as súas cartas. Xa ás seis da tarde está previsto que as Súas Maxestades inicien o seu percorrido desde Isaac Peral para acabar sobre as sete e media na Porta do Sol.

Caballero lembrou que durante a cabalgata se repartirán un total de 10 toneladas de caramelos e que "estamos ante a maior mobilización da Policía" para un evento na cidade. Tamén insistiu en que os nenos teñen que ir "collidos sempre da man dos pais" para evitar que se perdan, pero que en calquera caso hai dous lugares de encontro dos pequenos, na Porta do Sol e na igrexa de Santiago de Vigo.

Percorrido das 15 carrozas
A cabalgata constará de 15 carrozas con 15 nenas e nenos en cada unha, que irán acompañando aos Reis e aos paxes reais. A comitiva partirá desde a rotonda de Isaac Peral, pasando por García Barbón, Policarpo Sanz e con remate na Porta do Sol, o final do percorrido, polo que advertiu que as persoas que se sitúen en Elduayen non os poderán ver. Na Porta do Sol, os Reis Magos baixarán das carrozas, subirán ao palco instalado para dirixirse aos nenos e nenas vigueses e recibirán as chaves da cidade de mans do alcalde para que poidan entrar nas casas e deixar os agasallos.

Dispositivo de seguridade e tráfico
O percorrido estará totalmente valado para garantir a seguridade dos asistentes e vanse establecer catro postos destacados de emerxencias: no cruce de Alfonso XIII con García Barbón, en Colón-Urzáiz, a rúa Miragaia e Doutor Cadaval.

Ás 15 horas quedará cortado o tráfico entre Sanjurjo Badía e Isaac Peral, onde comeza a montaxe da cabalgata e ás 17:00 horas queda cortado todo o tráfico ao longo do percorrido. Preguntado sobre as posibilidades de choiva, o alcalde apuntou que "a cabalgata ten que saír" pero, con todo, o Concello seguirá de preto as predicións meteorolóxicas para tomar unha decisión con 24 horas de de antelación.
Descargar todas as imaxes