Escoitar

O Concello adxudica 667 bolsas de inglés cun investimento de 1.655.000 euros

Para o alcalde trátase dun "dos grandes programas de grande éxito da cidade" que permite ao alumnado vigués de ESO formarse no idioma nun país nativo. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a lista definitiva das 620 prazas das oito escolas infantís municipais.

xoves, 8 xuñ 2017
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves as listas definitivas de adxudicación, espera e denegación da convocatoria para alumnado de 3º de ESO de prazas para o programa municipal de inmersión lingüística "Vigo en inglés 2017" co que 667 estudantes vigueses de 3º de ESO poderán aprender o idioma cunha estadía de tres semanas.

Caballero informou de que quedou "medio centenar" de alumnos en lista de espera, dos que unha parte terá resposta positiva polas baixas que adoitan producirse no proceso e apuntou que non descarta facer unha convocatoria para os excluídos en convocatorias anteriores aínda que sexa "tecnicamente difícil".

Amais, cualificou este programa como un dos "grande e de grande éxito da cidade" sendo unha cifra marca que "non ten ningún país de Europa". A esta cifra súmanse outras cen prazas para alumnado da Escola Oficial de Idiomas, ascendendo o programa a un total de 677 cun investimento de 1.655.300 euros.

Prazas das escolas infantís
A Xunta de Goberno tamén aprobou a lista definitiva de adxudicación das prazas e listas de espera para as Escolas Infantís Municipais do curso 2017/2018. Son 620 prazas nos oito centros: Costeira-Saiáns (72), Bouzas (80), Tomás Alonso (78), Santa Marta-Casco Vello (72), Atalaia-Teis (82), Santa Cristina-Lavadores (76), Mestres Goldar-Castrelos (78) e Navia (82).

O alcalde salientou que o seu goberno destina 1,7 millóns de euros de euros a este fin; 210.000 euros a cada escola infantil, "o que nos permite facelo a uns prezos moi reducidos", sendo o custo máximo de 120 euros, a metade das taxas da Xunta, que situou en 243 euros mensuais. Ademais, expuxo a exención de pagamento das familias con renda per cápita inferior a 327 euros e, no caso das numerosas, ata 512 euros por unidade familiar, engadindo que, a metade dos usuarios pagan cero euros. Pola contra, sinalou, a Xunta de Galicia "vén de subir os prezos un 3,2%" polo que lle reclamou que baixen os prezos ata situalos nas mesmas condicións que as municipais.