Escoitar

O Pleno insta á Xunta retirar o recurso contencioso contra a Área Metropolitana

O Pleno da Corporación de Vigo aprobou esta mañá reclamar á Xunta a retirada do recurso contencioso administrativo que interpuxo contra a Área Metropolitana de Vigo. Na sesión desta mañá, PSOE e Marea tamén coincidiron ao reclamar á Xunta a inscrición da Área Metropolitana no Rexistro de Entidades Locais de Galicia. O grupo popular votou en contra de ambas iniciativas.

luns, 30 xan 2017
PSOE e Marea deron luz verde a unha moción socialista que reclama a retirada do recurso contencioso administrativo que a Xunta de Galicia interpuxo contra a Área Metropolitana de Vigo. O texto insiste en que o goberno galego debe abandonar a "política de chantaxe" e aceptar que o ente metropolitano está legalmente constituído e en funcionamento. Na sesión desta mañá tamén se aprobou outra iniciativa socialista que, neste caso, instaba á Xunta a inscribir a Área Metropolitana no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, ademais de solicitar a autorización da acumulación de funcións nos funcionarios de habilitación nacional que foron propostos para traballar no ente supramunicipal. En opinión dos socialistas, a non inscrición é unha resolución de carácter político que non se sostén en argumentos xurídicos dado que, de acordo ao una sentenza do Tribunal Supremo -que ratifica unha do TSXG-, a Xunta de Galicia debe imperativamente practicar a inscrición dado que só lle corresponde a mera constancia ou toma de razón.

Outra das mocións socialistas que esta mañá se aprobaron no Pleno, tamén co apoio do PSOE e de Marea, insta á Xunta a recoñecer que o Concello de Vigo está totalmente integrado no transporte metropolitano de Galicia, mediante o convenio asinado o 6 de xullo de 2016 e que supón uns beneficios para todos os cidadáns da Área Metropolitana. O texto recolle, unha vez máis, a interpretación dos técnicos do Concello, é dicir, subvencionar 0,46 céntimos nas viaxes de entrada e saída conectados con transporte interurbano, sen contemplar ningunha subvención as viaxes urbanas que calquera cidadán non censado en Vigo poida facer na cidade.

O Pleno de luz verde a unha cuarta moción do PSOE, neste caso con apoio unánime de todos os grupos, na que se rexeita calquera sistema de copago en vigor ou en proxecto que supoñan unha desigualdade e unha limitación ao acceso da cidadanía ao sistema sanitario público. A iniciativa esixe a paralización inmediata de calquera proxecto que teña como fin crear e incrementar as barreiras de acceso ao sistema sanitario.