Escoitar

O Concello recibiu 35 propostas para a rehabilitación da Panificadora

O alcalde informou do remate do prazo de presentación dos proxectos para recuperar o edificio da Panificadora o luns 30 de xaneiro e da reunión da comisión administrativa, ao día seguinte, para comprobar o cumprimento de requisitos dos participantes e para elixir a un membro do xurado a partir das súas suxestións.

venres, 27 xan 2017
O goberno de Vigo recibiu un total de 35 propostas para o concurso de ideas para a rehabilitación da Panificadora e da súa contorna, a expensas dos que poidan entrar nos vindeiros días por correo ordinario, xa que o prazo remata o luns 30 de xaneiro.

Ao día seguinte, reúnese a comisión administrativa do concurso de ideas para comprobar que todas as propostas reúnen os requisitos formais esixidos. Tamén procederá á apertura do sobre no que cada un dos aspirantes propón o nome dunha persoa para integrar o xurado do concurso que se elixirá por sorteo entre todas as achegas ese mesmo día.

Segundo o rexedor, desde ese día "estamos lanzados no proxecto de recuperación da Panificadora cunha cifra moi importante para as expropiacións" e, posteriormente, empregarase a Lei 3/2016 para o desenvolvemento urbanístico do proxecto.