Escoitar

Vigo estudará futuras accións para seguir a potenciar o uso das motos na cidade

Vigo é considerada por tres asociacións como a cidade máis segura de España para circular en moto. Así o lembrou esta mañá o rexedor durante unha rolda de prensa na que detallou as accións que realizou o goberno local durante os últimos anos para favorecer o uso dos vehículos de dúas rodas.

venres, 4 nov 2016
1478268002motopolis.jpg
O alcalde estudará futuras accións para seguir a favorecer o uso da moto na cidade segundo acordou cos responsables de Motoclub Galicia e Motópolis cos que hoxe mantivo un encontro na Alcaldía e no que falaron, entre outros eventos, da tradicional Papanoelada. En posterior rolda de prensa, o rexedor fixo repaso das medidas que adoptou o Concello nos últimos anos en favor dos vehículos de dúas rodas.

En primeiro lugar, aludiu ás bonificacións fiscais do imposto de vehículos de tracción mecánica xa que os de menos de 125cc teñen un desconto do 90% -o máximo permitido por lei- polo que a cota é de 1,10 euros. Na ordenanza fiscal de 2016 aprobouse unha diminución dun 10% para as motos do resto de cilindradas e o ano que vén se aplicará outra rebaixa similar polo que nos dous últimos exercicios a fiscalidade das motos viuse reducida nun 20%. Estas bonificacións supuxeron nos últimos nove anos ás arcas municipais unha diminución de ingresos de 1,6 millóns.

Outras das medidas implementadas polo Concello foi a autorización para circular polo carril bus; habilitar dous carrís propios -nas rúas Venezuele e Areal-; once zonas adiantadas en semáforos ás que se poderían incorporar próximamente outras tres; a ampliación das zonas de aparcamento e a xeneralización do pintado de calzadas con material antideslizante, incluíndo as reixas de ventilación de túneles ou aparcamentos.

Detrás de todas estas accións, subxace, dixo o rexedor, a busca da seguridade na circulación e, neste senso, xa hai tres asociacións moteiras que declaran a Vigo como a cidade máis segura de España para motos. Estes colectivos son a Asociación Mutua Motera, a Plataforma Motera de Seguridade Viaria e Mundo Motero.
Descargar todas as imaxes