Escoitar

O concurso de voos de Concello e Deputación conectará Vigo con Valencia, Palma de Mallorca e Ibiza

Coa aprobación do expediente de contratación na Xunta de Goberno Local ábrese o procedemento de licitación do servizo de promoción turística de Vigo e as Rías Baixas para o período 2016-2019 cun investimento de 736.000 euros.

venres, 4 nov 2016
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación do servizo de promoción turística de Vigo e as Rías Baixas 2016-2019 que, cun importe de 736.000 euros, ten por obxecto promover os recursos da cidade e da comarca en mercados da área mediterránea peninsular e insular para atraer turistas destas zonas a través de conexións aéreas directas con Valencia, Palma de Mallorca e Ibiza.

Segundo explicou o alcalde, a licitación deste concurso forma parte da cooperación da Deputación de Pontevedra co aeroporto de Vigo e coa cidade, algo que "satisfai" ao alcalde porque foi un "compromiso adquirido coa cidadanía" para potenciar a terminal viguesa que é a de "toda a provincia". Así, apuntou que o seu goberno seguirá impulsando o aeroporto de Vigo e criticou que a Xunta de Galicia non lle dedique "nin un euro".

As accións turísticas recollidas no contrato están dirixidas a a traer turismo de escapada, negocios, familiar, xuvenil, gastronómico, de eventos e de reunións. No caso do voo Vigo-Valencia-Vigo deberá estar operativo entre abril e setembro, mentres as conexións con Palma de Mallorca e Mallorca e Ibiza funcionarán entre xuño e setembro.

Vixilancia nos centros de distrito e convenio coa Fundación Casablanca
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á proposta de aprobación da contratación por procedemento aberto do servizo de vixilancia nos centros municipais de distritos por un importe anual de 75.000 euros. Abel Caballlero explicou que o Concello está traballando na descentralización coa apertura de oficinas municipais en diferentes de zonas da cidade, como é o caso da Miñoca ou Navia, onde avanzou que haberá unha nova oficina descentralizada, para que a cidadanía poida realizar xestións sen ter que desprazarse ás dependencias da Praza do Rei.

Ademais, quedou aprobado o convenio coa Fundación Coral Casablanca para o seu programa de concertos 2016 cun apoio de 10.000 euros.