Escoitar

O Concello contrata o mantemento de zonas de interese patrimonial por 100.000 euros anuais

O goberno local reforza os seus esforzos polo coidado do patrimonio histórico e ven de contratar a unha empresa especializada para o mantemento de varias zonas da cidade cun importe de preto de 100.000 euros ao mes. Na mesma Xunta de Goberno tamén se aprobou a instalación de 500 novos bancos, cun orzamento de 75.000 euros

luns, 31 out 2016
A Xunta de Goberno local deu luz verde á contratación do servizo de mantemento e conservación de zonas de interese patrimonial por un importe de preto de 100.000 euros ao ano. Unha empresa especializada será a encargada de velar polo bo estado de zonas como o bosque e as pradeiras do Pombal do Pazo Quiñones de León; os xacementos arqueolóxicos de O Castro e a Vila Romana de Toralla; áreas de interese patrimonial (muíños das Roteas, Do Severo, de Zamáns, Mámoas dos Mouros, Petroglifo de A Laxe e Pazo de Raposeira); ademais dos castelos de O Castro e San Sebastián.

Outro dos asuntos aprobados foi a clasificación de ofertas para a contratación das obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Comesaña. Cun orzamento de 204.000 euros, esta remodelación forma parte do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra.

O rexedor tamén deu conta do convenio de colaboración coa Unión Comarcal de CCOO para o fomento do emprego no ámbito das PEMES, así como da resolución da convocatoria de subvencións de programas de actividades socioculturais. Concretamente, distribuíronse 85.000 euros entre máis de 70 entidades.

Por último, adxudicouse a contratación do subministro de bancos por 75.000 euros o que permitirá a instalación dunhas 500 unidades. O rexedor lembrou que durante o seus anos de goberno xa se colocaron 4.500 bancos.