Escoitar

Os 15 millóns do EDUSI permitirán acometer en Vigo o "proxecto singular máis importante con fondos europeos"

O alcalde avanzou que os 15 millóns que recibirá Vigo procedentes do EDUSI permitirán acometer "o proxecto máis importante que nunca se fixo na cidade con fondos europeos". Eloxiou a bondade do Vigo vertical, capaz de concitar a maior asignación económica á que podía aspirar unha cidade nesta convocatoria de fondos da Unión Europea.

martes, 11 out 2016
O goberno local aceptou esta mañá de martes a axuda FEDER para a estratexia de desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) que en Vigo xa se coñece como "Vigo vertical", precisou o rexedor. O proxecto ascende a 18.750.000 euros, dos que 15 millóns chegarán da UE, mentres que o resto correrá a cargo do Concello. Trátase, dixo Caballero, "do proxecto singular máis importante que nunca se fixo en Vigo con cartos procedentes de Europa" e avanzou que o goberno local espera completalo nunha segunda fase. Reiterou a súa satisfacción porque a cidade conseguiu a máxima asignación económica que pode recibir unha cidade o que demostra que "sabemos captar recursos e que temos un gran proxecto de cidade".

En rolda de prensa, detallou que as zonas de intervención serán o Monte do Castro, o eixo Gran Vía, o Casco Histórico -fundamentalmente a Porta do Sol-, a estación do AVE e a zona afectada polo peche do Hospital Xeral. Estes ámbitos precisan unha actuación na mobilidade urbana, na cohesión social, en habitabilidade, en competitividade e na loita contra o declive demográfico. Respecto dos activos da estratexia, Caballero aludiu a aspectos como cidade intelixente, vocación económica vencellada ao mar, ao turismo de cruceros e negocios, á oferta cultural, de protección do medio ambiente, de ocio ou de marca de cidade.