Escoitar

O Concello renova por dous anos máis a cesión gratuíta do local ao Consorcio do Casco Vello

O goberno de Vigo autorizou novamente a cesión de balde do local que ocupa o ente público no número 7 da Praza da Princesa, segundo informou este luns o alcalde, Abel Caballero. En virtude deste acordo do Concello, o Consorcio terá alí a súa sede ata finalizar 2017, con posibilidade de dúas prórrogas anuais. <br />

luns, 8 feb 2016
Ademais desta decisión municipal relativa ao Consorcio do Casco Vello de Vigo, o alcalde deu conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, entre os que subliñou o nomeamento do coordinador de seguridade e saúde das obras de humanización de Marqués de Valterra, cun importe de 210.000 euros e que permitirá comezar os traballos nun prazo aproximado de dúas semanas. Neste mesmo ámbito, o Concello nomeou a dirección facultativa e o coordinador de seguridade e saúde das obras de reparación na traza do canle de Eiras, Camiño Condesa Torrecedeira, Cedeira e Redondela, para a traída da auga deste encoro á cidade.

Por outra banda, o goberno vigués deu luz verde aos proxectos de colaboración entre o Concello e dous centros de formación (MEGA e CEICA) para a realización de prácticas profesionais non laborais. O alumnado, homes e mulleres en situación de desemprego, fórmase co financiamento do Fondo Social Europeo e, en virtude deste acordo, poderá facer prácticas nos distintos departamentos municipais por un prazo de entre dous e catro meses.