Escoitar

Caballero define ao Club de Campo como "un emblema" polo Internacional de tenis, que cumpre 75 anos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o 75 Concurso Internacional de tenis do Club de Campo, do 17 ao 23 deste mes, amosta que "o club converteuse nun emblema", cualificando á sociedade recreativa local, nada en 1934, de "club moi grande, inmenso".

mércores, 12 ago 2015
1439384613campo.JPG
O evento, nacido en 1940, e que se presentou hoxe nas instalacións da sociedade viguesa, cumpre 75 anos e Caballero quixo incidir na súa continuidade: "Calquera institución pode cumprir anos, pero non todas son capaces de cumprir obxectivos permanentes na súa acción", celebrando que a entidade presidida por Manuel Sanrjurjo siga ofrecendo "un evento grandioso".

Para o xefe do goberno vigués a importancia non estriba na calidade dos tenistas que acudan, que será "excepcional", dixo, senón na "solemnidade" de conseguir tan longa duración do evento. "75 anos son palabras que se escriben con solemnidade", explicou.

O rexedor felicitou aos patrocinadores (Vithas, El Corte Inglés, Abanca, Coca-Cola...) polo seu apoio de "valor especial nos tempos que corren", lembrou que "xeracións e xeracións de vigueses" viviron o evento, primeiro nos terreos de Vista Alegre (ata 1974) e dende ese ano nos actuais do Vao, e, tras definir o tenis como "un deporte nobre, fermoso e que nos apaixona", manifestou que "os tenistas españois xa saben que se queren ser alguén teñen que pasar polo torneo de Vigo", no que xogaron Santana (1958 e 1960), Orantes (1967) ou Nadal (2002), por exemplo.

Dotado con 10.000 dólares, o torneo pertence ao circuíto de Futures da ITF, é dicir, ao mesmo acudirán novos valores do tenis mundial (hai inscritos de España, Francia, Alemaña, Portugal, Brasil e Xapón, segundo a lista da ITF) en busca de puntos. A previa comezará o día 15 e os cadros principais o 17, sendo Albert Alcaraz, número 443 do mundo, o mellor clasificado a día de hoxe.
Descargar todas as imaxes