Escoitar

O Concello dota de catro táboas de rescate acuático ao servizo municipal de salvamento e socorrismo

O alcalde de Vigo presenciou este martes na praia de Samil un simulacro de rescate acuático efectuado polos servizos de salvamento e socorrismo do Concello, Xunta, Policía Local, Cruz Vermella e Protección Civil. Caballero subliñou a importancia da coordinación e informou da recente adquisición de catro táboas de rescate acuático para o dispositivo municipal de praias.

martes, 11 ago 2015
1439296263P8121275.JPG
Abel Caballero presenciou este martes en Samil un simulacro de rescate acuático no que participaron efectivos da Policía Local, do salvamento e socorrismo do Concello, Protección Civil, Cruz Vermella e Salvamento da Xunta de Galicia, unha proba que testa o funcionamento do dispositivo de praias "na situación máis extrema posible".

Segundo apuntou o rexedor, no simulacro toman parte unhas 30 persoas, coordinadas desde un posto de mando central. Caballero salientou a capacidade de coordinación como "o máis importante" desta proba e do propio dispositivo de seguridade de praias, básico para obter e manter as bandeiras azuis, e resaltou o "esforzo" realizado en termos económicos e loxísticos para "estar o máis preparados posible" ante calquera eventualidade.

O alcalde afirmou que anualmente o Concello incorpora novos activos ao salvamento e socorrismo nos areais vigueses, singularmente as catro novas táboas de rescate acuático adquiridas recentemente. Desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, o Concello de Vigo desprega o dispositivo de socorrismo e salvamento en dez praias da cidade (Samil, Rodas, Vao, Tombo do Gato, Canido, Argazada, A Punta, Fontaíña, Fortiñón e Figueiras), que suma un total de 120 profesionais.
Descargar todas as imaxes