Escoitar

Parques e Xardíns reedita o ”Manual básico de compostaxe” para fomentar a reutilización de residuos vexetais

martes, 22 out 2002
imx1896.jpg
Libro
O concelleiro de Parques e Xardíns, Henrique Vieitez, presentou a reedición do ”Manual básico de compostaxe, abono para o campo e o xardín” que se distribuirá nos locais das asociacións veciñais e ecoloxistas. Vieitez explicou que o Concello reutilizou 7.500 m3 de residuos vexetais para fertilizar as zonas verdes durante o ano pasado.

Vigo dispón de dous tercios de zonas rurais nas que viven 80.000 persoas. Estímase que o 52% dos residuos sólidos urbanos están compostos por materia orgánica (restos de comida e vexetais) que poderían ser reutilizados mediante o triturado e posterior tratamento en composteiros para a producción de abono para campo e xardíns. En total, poderíanse reutilizar 45.000 Kg diarios de lixo no rural vigués e evitar o pagamento por unidade de RSU en Sogama para a súa incineración.

Nas comunidades de veciños con zona verde poderíase facer un composteiro e reutilizar os restos do cépede para a súa posterior fertilización. No viveiro do Castro e en Castrelos, a Concellería de Parques e Xardíns utilizou lamas da depuradora mesturadas con restos vexetais para a elaboración de compost.

Coa utilización do compost mellóranse, de forma notoria, as propiedades químicas e bioquímicas dos solos debido ao aporte de gran cantidade de nutrientes. Aumenta a retención de auga dos solos nos que se aplica, prodúcese un aforro económico en abonos químicos e revalorízanse os residuos orgánicos como sistema de reciclaxe.

En 2001 recolléronse nos parques e xardíns públicos 2.545 m3 de céspede, 4.260 m3 de restos de podas e 667 m3 de follas e flores. Ata outubro de 2002 recolléranse 2.249 m3 de céspede, 2.100 m3 de podas e 397 m3 de follas e flores, polo que se prevé que aumente a recollida para o almacenamento e posterior elaboración de compost para abonar as zonas verdes.
Descargar todas as imaxes