Escoitar

O Concello inicia en febreiro máis dunha veintena de obras no centro e no rural de Vigo

O concelleiro de Fomento, David Regades, informou este martes do inicio en febreiro de 21 actuacións en toda a cidade, desde as humanizacións de Genaro de la Fuente, Hispanidade e Marqués de Valterra ata a escola infantil e o novo acceso a Navia. Estarán rematadas nun prazo máximo de tres meses.

martes, 21 xan 2014
1390309606obras.JPG
O Concello de Vigo ten previsto iniciar no mes de febreiro máis dunha veintena de obras no centro e no rural por valor de 2,8 millóns de euros, entre as que destacan as humanizacións de Marqués de Valterra, Jenaro de la Fuente, Hispanidade -entre Gran Vía e Zamora-, Ferreiros e o novo acceso peonil a Navia desde a glorieta da VG-20. Segundo indicou o edil de Fomento, as obras estarán concluídas no primeiro semestre do ano, ao contar cunha duración máxima estimada de tres meses desde o comezo das mesmas.

Xunto a estas obras, Regades explicou que o goberno local comezará tamén no próximo mes a execución da escola infantil en Navia, da primeira fase das escaleiras mecánicas da rúa Segunda República no Casco Vello e a reforma da ponte sobre o regato Vilaverde-Pebegóns, en Zamáns.

No relativo ao rural, o Concello de Vigo creará beirarrúas en Pedreira (San Andrés), en Cesáreo Vazquez (Coruxo), en Pinal (Saiáns), no encontro de Falcoa con Camiño Fondo (Castrelos), en Estrada Moledo (Sároma), en Goleta (Candeán), no Carballal (Cabral) e en Areeiro (Saiáns). Ademais acometerá a reforma da terraza pública fronte ao centro cultural de Beade e do acceso ao antigo concello de Lavadores, as escaleiras en Aguadiña (Sampaio) e o muro de Parada (Matamá).
Descargar todas as imaxes