Escoitar

O alcalde anuncia a licitación por 1,3 millóns da mellora e ampliación do parque de Bombeiros de Teis

A Xunta de Goberno deste venres, en sesión ordinaria, tomou esta decisión. A reforma, que podería estar rematada a finais do próximo ano, deixará unhas "instalacións modernas e adaptadas ás necesidades"; en verbas de Abel Caballero, "prácticamente un parque novo".

venres, 13 set 2013
O proxecto de mellora e ampliación do parque de Bombeiros de Teis, cun orzamento de 1,3 millóns de euros en licitación a satifacer en dúas anualidades, terá "coste cero" para os vigueses e viguesas ao ser sufragada a obra con cargo a Unespa, o consorcio de seguros, tal e como está conveniado co Concello.

O goberno de Vigo busca con esta remodelación mellorar a operatividade dos servizos de extinción, formúlase un espazo de cocheras único e diferenciado, incrementando a fachada de acceso dos vehículos para garantir o funcionamento á vez de toda a flota. Ademais, a administración local agrupará os espazos adicados a áreas de control, administrativas, do persoal e docentes para establecer as comunicacións verticais axeitadas e facilitar a mobilidade.

A obra, cun prazo de execución de sete meses, podería estar rematada a finais do próximo ano, segundo estimou Caballero, para deixar "practicamente un parque novo", unhas "instalacións modernas e adaptadas ás necesidades".

Museos e Berbés
Outro asunto abordado na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe venres foi a contratación dos servizos de vixilancia e mantemento das instalacións de seguridade na rede museística viguesa, por case 1,8 millóns de euros por tres anos, prorrogables por outros tantos.

Segundo revelou Caballero, é a primeira vez que se integran a vixilancia e o mantemento, producindo un "aforro significativo" nos costes. O contrato inclúe o servizo no Quiñones de León, na Pinacoteca, na Casa das Artes, na Casa Galega da Cultura, no Verbum e no Centro de Artesanía Tradicional.

O goberno de Vigo autorizou asemade a redacción do proxecto modificado de remodelación do mercado do Berbés, unha modificación sen coste adicional que incorpora melloras de carácter técnico consensuadas cos propios comerciantes.

Explicou Caballero que as propostas redefinen o uso das superficies intererios, reforzando as comunicacións verticais, e suma unha nova oferta de 34 postos no primeiro andar, o acondicionamento do segundo -no que gañará importancia a restauración especializada, os equipamentos funcionais, sanitarios e administrativos- e na terraza se prevé unha zona de ocio e restauración. O Concello de Vigo inviste 1,75 millóns neste proxecto.