Escoitar

O alcalde afirma que Concello e Xunta traballan para facer realidade o proxecto do novo Balaídos con todas as garantías legais

mércores, 31 xul 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, manifestou o seu convencemento en que o proxecto de construcción do novo estadio de Balaídos e de rexeneración do seu contorno vai ser realidade nun futuro próximo. O alcalde realizou esta declaración tras manter unha xuntanza co Conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas, Xosé Cuiña, directivos do Real Club Celta SAD e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso.

Lois Castrillo expresou a vontade do Concello de Vigo de continuar coa tramitación do proxecto do novo Balaídos buscándolle solución a todos os problemas que vaian xurdindo en colaboración coa Xunta de Galicia. O alcalde dixo que a súa intención é a de que as novas instalacións deportivas e comerciais de Balaídos se constrúan sen verse ameazadas por problemas legais.

O conselleiro Xosé Cuiña explicou que a Xunta lle vai pedir ao Celta que corrixa algúns aspectos da proposta urbanística que lle presentou ao Concello, precisamente co obxectivo de garantir a súa absoluta legalidade. Tanto Cuiña como o alcalde coincidiron na importancia que o proxecto de reforma de Balaídos ten para Vigo, pero ámbolos dous subliñaron que debe apoiarse nun estricto cumprimento da legalidade.

Técnicos do Concello e da Xunta seguirán mantendo reunións con representantes do Celta, baixo a supervisión do alcalde e do conselleiro, para ir resolvendo os problemas detectados na proposta realizada polo clube.