Escoitar

Castrillo sinala, na apertura do SATT, que moitas empresas viguesas avanzan pola implantación das novas tecnoloxías

venres, 20 set 2002
O alcalde, Lois Castrillo, inaugurou o Salón Atlántico das Novas Tecnoloxías da Comunicación que se celebra no recinto feiral de Cotogrande do 23 ao 25 de setembro. Castrillo destacou que moitas institucións e empresas de Vigo están a avanzar con acerto e decisión pola senda das novas tecnoloxías, conscientes de que só desa maneira poden evitar un anquilosamento que as conduza á falta de operatividade e ao fracaso nos seus obxectivos.

Castrillo puxo como exemplo a creación da nova páxina web do Concello de Vigo que supón un salto cualitativo na oferta de servicios que a Administración municipal ofrece aos cidadáns. A creación desa páxina supón moito máis que unha simple renovación de deseños e contidos, consiste nun profundo cambio de concepción do traballo da Administración municipal.

A nova web supón unha transformación das relacións entre os administrados e o Concello, ao poñer ao alcance dun clic información e servicios que antes esixían desprazamentos e ringleiras ante mostradores. Progresivamente iranse implantando máis servicios en liña, o que permitirá facer máis xestións e consultas a través da rede: dende a obtención dun certificado de empadroamento, ata a consulta dun expediente urbanístico ou das débedas que se manteñen co Concello.

O Concello de Vigo está preparándose para un futuro, que se adiviña cercano, no que as novas tecnoloxías da información serán instrumentos básicos para proporcionarlle servicios aos cidadáns. Este exemplo podería animar aos axentes sociais da cidade a incorporarse ao mundo das novas tecnoloxías, paso esencial para manter a competitividade, reducir custos, ofrecer máis e mellores servicios e ter unha maior proxección.

O Salón Atlántico é un acaído instrumento para fomentar a extensión das novas tecnoloxías. Que se desenvolva en Vigo non é máis que un sinal de que a nosa cidade, ademais de liderar o desenvolvemento económico de Galicia, está tamén á cabeza na implantación de novas tecnoloxías na industria e no comercio.