Escoitar
Máis de 80 centros de ensino visitaron o ano pasado as instalacións

Reinícianse as actividades na Aula Etnográfica do Mar

martes, 17 set 2002
imx1767.jpg
Aula do Mar
A Aula Etnográfica do Mar, servicio da concellería de Patrimonio Histórico reanuda as súas actividades didácticas e de divulgación do mundo mariñeiro. A Aula ten como obxectivo fundamental dar a coñece-la cultura marítima de Galicia, abordando dende unha perspectiva etnográfica o coñecemento da historia das relacións entre as xentes do noso litoral e o seu entorno natural.

Durante o pasado curso pasaron polas instalacións 4025 alumnos de 81 centros educativos, recibíronse 8 visitas de entidades (concellos, fundacións, etc) e atendéronse 12 consultas didácticas efectuadas por parte de profesores e estudiantes de maxisterio e pedagoxía.

As visitas á Aula realízanse en grupos organizados con previa cita chamando o teléfono 986 460812, e poden solicitar as súas actividades tódolos niveis educativos dende primaria ata universitarios, así como calquera colectivo interesado. A Aula permanece aberta de luns a vernes en horario de 10 a 13,30 h e ó longo de todo o curso escolar.

Como novidades para o presente curso, Patrimonio Histórico ten previsto editar unha carpeta de diapositivas con orientacións didácticas co fin de que os colexios podan aproveitar máis a experiencia educativa que supón a visita á Aula. Por outra banda, incrementaranse o número de pezas expostas, ampliaranse os títulos bibliográficos dispoñibles e comezarase unha segunda fase no programa de relacións exteriores da Aula con outras entidades de estudio, conservación e divulgación do medio e a cultura marítima (museos, características, aulas mari-ñas,etc).

Equipamento da aula

A Aula foi inaugurada no ano 1995 como proxecto cultural do Concello de Vigo, e ata a data segue representando un equipamento cultural de características únicas dentro da oferta da nosa Comunidade Autónoma.

As instalacións da Aula compóñense basicamente de catro salas de exposicións e conta tamén cunha pequena biblioteca especializada no mar.

Na Aula pódense visitar tres salas de con diferentes temas da cultura tradicional mariñeira de Galicia. Nelas o visitante pode coñecer diversos aspectos da vida das xentes do noso litoral tales como as artes de pesca artesanais, o marisqueo, as embarcacións tradicionais, ritos e crenzas relacionadas co mundo do mar, o aproveitamento tradicional dos recursos mariños e un longo etc.

Por último, a cuarta sala, de carácter polivalente, alberga unha exposición fotográfica sobre a historia da conquista do fondo do mar titulada “Unha expedición ás profundidades da última fronteira”, onde a través de paneis e algúns obxectos pódense observar dende antigos e enxeñosos proxectos medievais para mergullarse ata as máis modernas técnicas y materiais para o coñecemento dos fondos mariños.

Entre as catro salas están repartidas máis de 200 pezas, 19 paneis fotográficos e outros recursos como vídeo e diapositivas. Entre os obxectos pódense destacar un antigo arpón das denominadas carreiras de arroases, diferentes tipos de nasas, unha reproducción dun traxe de augas tradicional impermeabilizado con aceite de liñaza , maquetas de primitivos barcos tradicionais feitos con variados materiais (de coiro, de madeira, de xunco, etc), acuarios con especies de interese pesqueiro ou a reproducción dunha lura xigante de mais de tres metros que expele tinta co maior realismo, etc.

Todas as salas destacan polo seu carácter interactivo, contando con diversos mecanismos que permiten de maneira simulada realizar diferentes tarefas e utilizar distintos utensilios dos que se expoñen e se explican ó longo da visita. Deste xeito os alumnos e visitantes poden practicar a pesca con fisga, usar redes cangrexeiras, utilizar sistemas de fondeo, localizar caladoiros de pesca e descubrir maneiras de comunicación e orientación dos antigos barcos pesqueiros cos vellos sistemas tradicionais.
Descargar todas as imaxes