Escoitar

Escritura xaponesa, cócteles sen alcohol e bailes de salón nas Noites Vivas da fin de semana

venres, 2 nov 2001
O programa da Concellería de Xuventude ”Noites Vivas” continúa con máis de 30 actividades impartidas en diversos lugares da cidade e, esta fin de semana, principian os obradoiros de escritura xaponesa, fotografía dixital e internet.

Os lugares onde se ofrecen actividades en horario nocturno como alternativa de lecer son os locais das asociacións xuvenís, culturais e veciñais, ademais da praza Elíptica, da Escola de Xoiería e dos pavillóns de Coia e Teis, entre outros.

Cócteles sen alcohol, cine, Scalextric e obradoiros de xoiería, máscaras e ciencias ocultas son algunhas das propostas para a noite do venres, 2 de novembro. No Centro Xove de Saúde Sexual e Anticoncepción segue a ofrecerse, como tódolos venres, información e asesoramento en materia de sexualidade.

Haberá actividades deportivas para o sábado nos pavillóns do Berbés, no campo de fútbol das Travesas, no local da asociación de Lavadores e tamén na piscina. Proxeccións de Anime, concertos, esgrima e squash son outras das propostas da Concellería de Xuventude.