Escoitar

O Imaxina Sons achega a música de jazz aos usuarios de Vitrasa ata o día 6 de xullo

A posta en marcha da iniciativa "Jazz no Vitrasa" é unha das novidades que presenta a edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons deste ano, segundo anunciou este venres o concelleiro de Cultura, Xesus López. Así, diversas liñas do transporte público de Vigo, durante todos os días que dure o festival e ás 12.30 horas, serán o escenario ao que se subirán os pasarrúas para tocar a súa música e facilitar que os viaxeiros do bus urbano poidan gozar da música .

venres, 27 xuñ 2008
1214571956imaxinavitrasa.jpg
"Trátase dunha iniciativa coa que queremos potenciar o achegamento da música de jazz á cidadanía", explicou o concelleiro do BNG, quen salientou a satisfactoria resposta do público que acadan os pasarrúas en todas as súas actuacións. Neste mesmo sentido se expresou o director artístico do festival, Baldo Martínez, ao afirmar que estas actividades complementarias buscan "implicar a toda a cidadanía de Vigo na celebración do festival". Deste xeito, cada día, parte dos músicos que interveñen na sección "Pasarrúas" trasladaranse no bus urbán ata o lugar marcado para iniciar a súa actuación de mediodía e durante o traxecto ofrecerán pequenas interpretacións en clave de jazz.

A agrupación Dr. Macaroni é unha das que ás 12.30 horas se subirán aos autobuses de Vitrasa para achegar a música de jazz á cidadanía no seu contorno diario. O grupo, que naceu no ano 2000 en Madrid, interpreta temas dos mellores compositores da historia do jazz como Horace Silver, Dollar Brand, Herbie Hancock, Jack De Johnette, Herbie Nichols, entre outros. Os arranxos propios e os ritmos latin-jazz dan a Dr. Macaroni un aire festivo, pero mantendo sempre unha alta calidade musical.
Descargar todas as imaxes