Escoitar

<br /> O proxecto "O noso taxi", destinado a máis de 200 persoas con problemas de mobilidade, comezará a funcionar en setembro

O proxecto "O noso taxi", que ten por obxectivo mellorar a capacidade de mobilidade das persoas con dependencia, entrará en funcionamento no mes de setembro, segundo anunciou este martes o tenente de alcalde tras a reunión que mantivo con representantes da Asociación Provincial de Autopatronos do Taxi. O encontro, no que tamén participou a concelleira de Benestar Social, María Méndez. servíu para "concretar os últimos flecos desta iniciativa, que era unha promesa electoral do BNG nas pasadas eleccións municipais", salientou Santi Domínguez.

martes, 24 xuñ 2008
1214306074taxis.jpg
"Esta iniciativa está dirixida a 208 usuarios con mobilidade reducida que mediante unha subvención mensual poderán utilizar o taxi ao custo do transporte urbano colectivo", explicou Santi Domínguez. A posta en marcha do proxecto contará coa colaboración de Confederación Galega de Minusválidos (Cogami), con cuxos representantes provinciais o tenente de alcalde xa mantivo unha reunión no pasado mes de marzo. Segundo o tenente de alcalde, resulta de gran importancia contar con esta asociación pola súa "gran experiencia" na integración de persoas con discapacidade.

Santi Domínguez sinalou que será a propia Cogami a entidade encargada de valorar o cumprimento dos requisitos das persoas demandantes do servizo. Neste sentido, adiantou que o método para acceder a esta nova prestación será sumamente sinxelo, mediante a identificación da persoa usuaria co DNI a través da central de Radio Taxi (986 47 00 00). Ademais, indicou que nunha primeira fase, o proxecto estará en funcionamento de setembro a decembro, co obxectivo de "avaliar a marcha da medida e comprobar os resultados".

Por outra banda, o tenente de alcalde explicou que no encontro tamén se trataron diversas cuestións dirixidas a "incrementar a calidade do servizo que prestan os taxis". E neste sentido indicou que nas oficinas turísticas de Vigo proporcionarase a información das distintas tarifas existentes, par que as persoas que visiten a cidade "non teñan desconfianza á hora de utilizar o servizo dos taxis en relación ao prezo que lle cobrarán". Ademais, anunciou que un dos taxis vigueses instalarase un tradutor simultáneo, a modo de experiencia piloto, "de xeito que o taxista poida entender ao momento ao usuario e viceversa". Se esta medida funciona "ampliarase a outros vehículos", indicou o tenente de alcalde.

O presidente da Asociación Provincial de Autopatronos do Taxi, José Eladio Viso, expresou a súa satisfacción pola creación do proxecto "O noso taxi", e sinalou que a posta en marcha desta iniciativa supón a ampliación de catro a seis os taxis adaptados para persoas con mobilidade reducida.



Descargar todas as imaxes