Escoitar

Abel Caballero "saúda con entusiasmo" que o Porto desenvolva os Proxectos Nouvel e Beiramar

O alcalde mostrouse este luns "moi satisfeito" de que a Autoridade Portuaria leve adiante definitivamente "dous grandes proxectos para esta cidade", Nouvel e Beiramar. Esta circunstancia foi cualificada de "magnífica decisión" polo rexedor municipal, quen avanzou que na próxima semana se reunirá co seu Presidente, Suso Paz, para coñecer en detalle a ampliación aprobada o pasado venres.

luns, 2 xuñ 2008
Na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local deste luns, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, saudou "de forma entusiasta" que a ampliación do Porto de Vigo presentada o pasado venres polo seu Presidente, Suso Paz, inclúa os plans de Beiramar e o de Nouvel, "dous grandes proxectos para esta cidade", salientou o rexedor.

Abel Caballero mostrouse "satisfeito" pola concreción de ambas iniciativas e manifestou que aínda non coñece en detalle a ampliación aprobada pola Autoridade Portuaria, polo que manterá un encontro co seu Presidente a próxima semana. Posteriormente o alcalde fixará a súa posición.

A posta en marcha do novo silo de Bouzas para os vehículos de Citroën, incluído na etapa do alcalde ao fronte da Autoridade Portuaria, xunto cos proxectos Beiramar e Nouvel, é unha "magnífica noticia" para Abel Caballero, quen salientou que "é notable e importante que o Porto se empece a mover".

O alcalde destacou asemade a preocupación que, asegura, ten a cidade coas "garantías medioambientais", postura que "o Porto tamén comparte", afirmou o rexedor municipal. Abel Caballero adiantou que plantexará aos restantes grupos municipais adoptar un acordo ao respecto da ampliación presentada pola Autoridade Portuaria o pasado venres.

Universiada
Á volta da delegación viguesa de Bruselas, Abel Caballero salientou que a cidade estivo "á altura das circunstancias", e que "pode optar aos máis importantes proxectos mundiais". O alcalde felicitou á cidade gañadora, a rusa Kazán, e destacou que Vigo "quedou moi ben representada e nun magnífico nivel".