Escoitar

O programa "Verán Xove 08" da Concellería de Xuventude oferta máis de 1.500 prazas dirixidas a rapaces e rapazas de entre 4 e 18 anos

O programa "Verán Xove 08", organizado pola Concellería de Xuventude, amplía a súa oferta de actividades dirixidas a rapaces e rapazas de entre 4 e 18 anos, segundo anunciou este venres a Iolanda Veloso. "Na edición deste ano ofertamos máis de 1.500 prazas, debido ao incremento non campamentos e actividades desenvolvidas na propia cidade", explicou a concelleira de Xuventude.

venres, 30 mai 2008
1212150750veran.jpg
Iolanda Veloso salientou que este ano "mellorouse a oferta, adaptándoa á demanda da cidadanía e facer máis compatible a vida familiar e laboral", polo que o programa se desenvolverá conxuntamente coa Concellería de Igualdade. Deste xeito, o campamento que o ano pasado se realizou como proxecto piloto, con nenos e nenas de entre 4 e 11 anos, este ano incrementou nun 150 por cento as súas prazas e duplicou as súas instalacións. Así, terá lugar en dous puntos diferentes da cidade: no pavillón de deportes do Calvario e nas instalacións municipais deportivas de Samil. "Queremos atender dúas zonas ben diferenciadas da cidade co obxectivo de facilitarlle o acceso ao maior número de familias", subliñou a edil do BNG. As actividades desenvolveranse durante o mes de xullo en dúas quendas de quince días cada unha e de luns a venres de 9 a 14 horas, aínda que as instalacións estarán abertas de 8 a 15 horas "para poder coincidir co horario laboral dalgúns pais e nais".

"Tempo libre na beiramar", un dos campamentos que xa está consolidado na cidade e que se realiza na praia de Bouzas, amplíase a tres quendas no mes de agosto en horario continuado de 10 a 18 horas e vai dirixido a rapaces e rapazas de de entre 7 e 14 anos. Outro dos campamentos que se desenvolverán na cidade será a "Escola Hípica de Verán", unha actividade na que se poderá practicar equitación e coñecer todo o relacionado co mundo do cabalo. "Verán en clave de sol" é un campamento adicado á expresión artística, sobre todo musical, dirixido a nenos e neas de entre 6 e 14 anos, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 11 de xullo. E xa para quenes desexen saír fóra da cidade, existe a posibilidade de participar no campamento "Granxa Escola El Kiriko", no Concello de Fornelos de Montes, durante cinco días ben na quenda de xullo ou na de agosto.

A concelleira de Xuventude sinalou que a estes campamentos hai que engadirlle a actividade novidosa de navegación nocturna con barcos de radio control, que terá lugar durante catro días do mes de xullo nas piscinas de Samil. Ademais, durante a época estival continuarán as actividades que se realizan nas ludotecas municipais, así como o programa "Súbete ao Castro".

As inscricións poderán realizarse na Casa da Xuventude dende o luns, día 2 de xuño e ata completar prazas, de luns a xoves en horario de 10 a 13 horas e de 17 a 19 horas e os venres de 10 a 13 horas. A información completa das actividades tamén pode atoparse en www.xuventudevigo.org
1212150750veran.jpg
1212151582iolandaveran.jpg
Descargar todas as imaxes