Escoitar

Máis de 200 expositores estarán presentes na Feira da Construción de Galicia SICO 2008

Máis de 200 expositores, 1.000 firmas nacionais e internacionais representadas, distribuídas nun espazo interior de 20.000 metros cadrados e 6.000 metros de espazo exterior. Estes son os números previstos para a Feira da Construcción de Galicia SICO 2008, que converterá a Vigo, do 26 ao 29 de xuño, no centro do sector da construcción galega, cunha previsión de visitantes superior a 25.000 persoas.

martes, 29 xan 2008
1201611825sico290108.jpg
A feira preséntase como o revulsivo fronte ao parón no mercado inmobiliario que, ao mesmo tempo, suporá un reaxuste no sector. A mostra, promovida pola Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios (Aproin), está co-organizada polas empresas Planner & Proceltha e Muéstralo.

A Feira da Construcción de Galicia, que se organiza cunha periodicidade bienal, manterá o seu formato de feira sectorizada, na que se desenvolverán xornadas técnicas, ademais de contar con actividades organizadas polas empresas expositoras, que aproveitarán a cita para presentar en Vigo os seus produtos e novidades sobre materiais, tratamentos exteriores, maquinaria, tecnoloxía, formación, instalacións, seguridade e outros aspectos relacionados coa construción.

SICO 2008, de marcado carácter profesional e transfronterizo, é xa un referente para o sector da construción no Noroeste peninsular, e ademais sitúase no primero lugar desta actividade en Galicia e entre os primeiros de España por presenza de expositores e volume de negocio.

Este salón vaise desenvolver nun ano no que se espera que se clarifiquen cuestións esenciais desde o punto de vista da planificación do territorio como son os plans xerais de urbanismo e as directrices de ordenación do territorio demandadas desde hai xa moitos anos polo sector. Dentro desta reordenación do solo en Galicia, prevese a construción de 200.000 novas vivendas nos próximos anos na nosa Comunidade.

Cifras do sector

O sector da construción xera o 17% do Produto Interior Bruto galego, tras facturar durante o 2006 un total de 9.500 millóns de euros, dos cales 3.150 corresponderon á provincia de Pontevedra, segundo datos da Federación Galega da Construción. En 2006 había un total de 142.900 traballadores dependentes, directa ou indirectamente, desta actividade na Comunidade Galega, o que supuxo a creación de 12.000 empregos, un 9,2 por cento máis que no ano anterior. No caso da provincia de Pontevedra, o número de empregados ascendeu a 52.400, cun crecemento interanual do 9,85 por ciento.

Ademais, durante o 2006, expedíronse en Galicia máis de 9.000 visados para edificios residenciais e non residenciais, o que supuxo un total de 54.354 vivendas, incluíndo tamén as obras de reforma. En canto á licitación pública, Galicia pasou dos 1.300 millóns de 2001 a algo máis de 2.000 millóns durante 2006.

Novos retos

A pesar da desaceleración que vive o mercado inmobiliario, o prezo da vivenda libre non deixa de crecer: en 2007 aumentou un 4,8%, seis décimas por riba da variación rexistrada polo IPC, que se situou no 4,2%. Con todo, esta desaceleración agravouse no segundo semestre do ano, tras a crise das hipotecas en EEUU, ata o punto de que os pisos apenas subiron un 1,2% no último trimestre de 2007, fronte ás tasas do 9,1% coas que comezou o exercicio, segundo datos do Ministerio de Vivenda.

Galicia foi a quinta Comunidade Autónoma onde o prezo da vivenda libre subiu máis durante o pasado ano, ao encarecerse nun 6,9%, e o metro cadrado situouse en 1.547 euros, fronte ós 2.085 euros da media estatal. Por provincias, o maior incremento interanual da vivenda libre rexistrouse en Pontevedra (7,7%), seguida da Coruña (5,9%), Lugo (5,5%) e Ourense (3,4%). No caso de Vigo, a vivenda nova subiu un 4% e a usada nun 2% en 2007.

O sector da construcción enfróntase nos vindeiros anos a un problema clave: o descenso da edificación. O pasado ano, iniciáronse en España 602.549 novas vivendas, o que supuxo un descenso do 5,2 por cento respecto ós doce meses pasados, nos que foi de 635.547 inmobles libres iniciados. Tras anos de medre excepcional, 2007 foi o ano da inflexión: o crecemento do sector retardouse, e os expertos entenden que esta vai a ser a realidade nos vindeiros anos.

Por iso, a Feira da Construcción de Galicia celebrarase nun momento moi especial para debater todos estes asuntos. Precisamente, SICO ten o obxectivo de constituír o mellor escenario para que todos os axentes implicados no sector da construción poidan expoñer as súas dúbidas, propoñer solucións e estudar novos retos para seguir avanzando.

Descargar todas as imaxes