Escoitar

A candidatura de Vigo á Universiada acada o respaldo político, social, económico e deportivo de toda a cidade

Ante a presenza dunha ampla representación dos ámbitos políticos, empresariais, sociais e deportivos, o Centro Social Caixanova foi onte o escenario elixido para presentar a imaxe oficial coa que Vigo defenderá a súa candidatura para acoller a celebración da Universiada de Verán no ano 2013, proxecto que impulsa o tenente de alcalde, Santi Domínguez. Tamén onte se presentou diante do Consello Superior de Deportes o cuestionario obrigatorio esixido ás cidades candidatas, un documento de 238 páxinas ensamblado nun bloque de metacrilato.

xoves, 20 dec 2007
1199695176universiadalogo201207.jpeg
Santi Domínguez agradeceu o respaldo que toda a cidade ten dado á candidatura. "O máis importante do que hoxe se amosa aquí é que somos unha cidade unida, arredor dun proxecto. Que a partir dagora se fale de Vigo como cidade candidata ten que facer que creamos nas nosas posibilidades". Do mesmo xeito, o tenente de alcalde salientou que este proxecto debe servir para impulsar "o deporte que máis nos interesa que é o deporte en estado puro".

A súa máxima é que "non hai peor xestión que a que non se intentan" e, por iso, amosou o seu convencemento de que "a pesar da posibilidade de fracasar neste intento, pensamos que pega a pena intentalo, porque en todo o que fagamos teremos unha cidade detrás que quere traballar unida e se sinte orgullosa". Santi Dominguez asegurou tamén que o esforzo que se está a facer é para "todos os deportistas e directivos que todos os días traballan a prol do deporte. Polo seu esforzo pega a pena intentalo".

O acto, que contou coa presenza do alcalde, a directora xeral para o Deporte e o reitor da Universidade de Vigo, presentouse un vídeo promocional co que a cidade se presenta diante da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) e outro no que se foi explicando a simboloxía do logo. Simboliza a expresión da entrada na Ría de Vigo e da acollida aos diferentes pobos participantes na Universiada. Representa unha onda entrando na Ría e encerra nunha mesma forma unha V de Vigo, que se transforma pouco a pouco no U da Universidada.

Pola súa banda, o documento entregado onte no Consello Superior de Deportes de Madrid ofrece unha visión global da cidade con datos sobre infraestruturas e capacidade organizativa. Trátase dun documento previo ao proxecto definitivo da cidade, que baixo unhas estrictas normas de cumprimentación, resposta a 26 cuestións sobre as instalacións actuais e as previstas no 2013, infraestruturas de transporte, dotación hoteleira e condicións xerais, de loxística e experiencia na organización de diversos eventos.

Entre o 10 de xaneiro e o 10 febreiro do 2008, unha representación da Comisión Técnica visitará as cidades candidatas, neste caso Vigo e Murcia, para avaliar o cuestionario e ver de primeira man as instalacións, as infraestruturas de transportes, hoteleiras e deportivas. Antes do 25 de febreiro do 2008, as universidades candidatas deberán presentar, logo desta visita, o proxecto definitivo para o seu estudo por esta Comisión. Posteriormente o Consello Superior de Deportes procederá a examinar as candidaturas presentadas e resolverá o 11 de marzo de 2008.

A cidade elixida para representar a España deberá presentar, antes do 15 de marzo do 2008, ese mesmo proxecto definitivo ante a FISU. Entre o 15 de marzo e o 30 de maio, unha delegación deste organismo viaxará á cidade candidata para avaliar o seu proxecto. Finalmente, o 30 de maio, a cidade deberá defender a súa proposta en Bruxelas ante a Comisión da FISU.

O desenvolvemento dun proxecto para albergar a Universidada suporá para Vigo e a súa Universidade, segundo salientou o tenente de alcalde, o incremento indiscutíbel no ámbito internacional, así como mellorar das súas infraestruturas e equipacións tanto públicas como privadas e impulsar os proxectos no sector turístico.
Descargar todas as imaxes