Escoitar

A FEMP asinará un convenio co Goberno central para facilitar o acceso á vivenda

Os integrantes da Comisión Executiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), entre eles o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ratificaron este martes o convenio que se asinará co Ministerio de Vivenda co obxectivo de crear un gran pacto social pola vivenda, coa participación dos concellos, os gobernos autonómicos e estatal, os sindicatos, a CEOE e as grandes entidades bancarias.

martes, 18 dec 2007
1197990974fempconvenio181207.JPG
Entre outros temas, a Executiva consensuou o contido do convenio, que vén responder a unha das grandes preocupacións dos cidadáns: o acceso á vivenda. O acordo porase en práctica a través da SEPES, a Sociedade Pública Empresarial do Solo. É a primeira vez que este organismo se centra na consecución de solo e vivenda. Coa rúbrica do texto, o Ministerio fomentará o acceso á vivenda protexida e o impulso do mercado de aluguer, coa mediación das corporacións locais.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse satisfeito polo resultado do encontro. "O convenio acadado entre a FEMP e o Ministerio de Vivenda ratifica a aposta decidida que Vigo está a realizar pola vivenda protexida", afirmou Caballero. O alcalde sinalou igualmente que "Vigo recibe deste xeito o respaldo de institucións da relevancia da Federación e do Goberno de España" no desenvolvemento das súas políticas sociais. "As actuacións de carácter social e o 43% de vivenda protexida co que contará Vigo eleva a nosa cidade á vangarda do urbanismo sostible en España", sentenciou Caballero.

Precisamente a política social e a vivenda son dous eixos prioritarios para a nova Executiva da FEMP, o que tamén ten o seu reflexo nos orzamentos aprobados para 2008 pola Comisión. Ambos, xunto coa potenciación do municipalismo, son liñas mestras para o futuro da Federación.
Descargar todas as imaxes