Escoitar

O proxecto "Conta con Elas" pecha dous anos de actividades na área de Vigo

O proxecto "Conta con Elas" clausurou este martes as súas actividades cunha xornada final na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova. O acto, no que estiveron presentes a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, serviu para presentar os produtos e resultados de dous anos de traballo na área de Vigo.

martes, 18 dec 2007
1197987600contaconelas.jpg
Na primeira mesa da xornada, os secretarios comarcais da UXT, Olga Alonso; de CC.OO., Xosé Cameselle, e da CIG, Xerardo Abraldes, presentaron a guía "Mainstreaming institucional e de xénero nos concellos da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo", así como os resultados e logros alcanzados no marco do proxecto "Conta con Elas".

Despois interviñeron Ramón Búa, da Confederación de Empresarios de Pontevedra; Nidia Arévalo, da Deputación de Pontevedra; Carlos Palleiro, da Fundación Caixanova, e Luz Varela e Coral del Río pola Universidade de Vigo, para presentaren as conclusións, produtos e resultados das súas entidades.

Na última parte da xornada, persoal técnico do proxecto e representantes da Mancomunidade deron a coñecer os produtos máis significativos do proxecto, presentando ademais un DVD recompilatorio de todas as actividades, no que se recollen as 26 publicacións elaboradas no marco de "Conta con Elas".

A partir do 1 de xaneiro de 2008 toda a información presentada nesta xornada, así como todos os datos relacionados co proxecto, poderanse consultar na páxina web www.contaconelas.org ou acudindo á web da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, www.maiv.org.

O proxecto "Conta con Elas" enmárcase na iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral. O orzamento do proxecto, preto dos tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.
Descargar todas as imaxes