Escoitar

Ábrese o prazo de presentación de suxestións ó ”I Plan de Participación Cidadá”

xoves, 6 set 2001
A Concellería de Participación Cidadá presentou un documento de debate que define as estratexias previstas para os próximos tres anos co fin de consensuar coa cidadanía as liñas de actuación trazadas e os compromisos adquiridos de cara á elaboración final dun Plan municipal que recolla accións concretas no ámbito da participación e atención cidadás.

A optimización do funcionamento do rexistro municipal de asociacións, a colaboración na mellora da xestión dos colectivos ou a dotación de espacios nos que poidan realizar as súas actividades son algunhas das liñas que inclúe este documento.

A creación dun plan de voluntariado e a potenciación de medios de información das asociacións son outras das propostas con data de implantación.

O prazo de presentación de suxerencias ó documento conclúe o 28 de setembro. Poderanse achegar tamén novas estratexias e ideas que sexan viables e se poidan considerar de interese para mellorar a participación cidadá e o acceso á información dos vigueses.

Trala revisión das suxestións realizaranse unhas xornadas nas que os que presenten ideas poderán defendelas e rebatelas cos técnicos do Concello para a posterior redacción do Plan Municipal definitivo.