Escoitar

A creación do parque empresarial da Garrida permitirá a instalación e a relocalización de industrias

xoves, 2 ago 2001
imx508.jpg
Sinatura do acordo
O parque empresarial da Garrida contará cunha superficie de 183.726 metros cadrados de solo urbanizable non programado. A empresa pública Xestur, dependente do Instituto Galego de Vivenda e Solo, realizará os traballos técnicos que terán un custo de 32 millóns de pesetas.

O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, asinou co conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Xosé Cuíña, un acordo para a construcción deste parque empresarial e indicou que responde á demanda deste tipo de solo na primeira cidade industrial de Galicia. Será a área metropolitana a que forneza destes usos ás empresas que o necesiten para o seu desenvolvemento nos próximos anos. Isto contribuirá á instalación de novas industrias e á relocalización das xa existentes, sinalou Castrillo.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo adquirirá, mediante o sistema de expropiación forzosa, os terreos nos que realizará a actuación no ano 2002, aínda que procurará chegar a unha avenencia cos propietarios das parcelas. As obras de urbanización comezarán o ano próximo e está prevista a súa finalización en 2003.

O Concello recibirá libre de cargas os viais e servicios previstos no proxecto de urbanización, así como os parques e xardíns públicos, a zona deportiva, aparcamentos e terreos necesarios para a implantación dos restantes servicios públicos que estean determinados no Plan Parcial de Ordenación. Así mesmo, o Concello recibirá o 10% do aproveitamento medio do sector, contribuíndo economicamente co 10% dos custos da urbanización.

O IGVS construirá os servicios exteriores do parque, que serán financiados a partes iguais entre este organismo, dependente da CPTOPV, e o Concello de Vigo. Este último comprométese tamén a que cando rematen as obras de urbanización, o parque conte con suficiente caudal de abastecemento de augas e a debida evacuación de augas pluviais e residuais. As parcelas resultantes serán propiedade do IGVS, que as venderá libremente.

O Concello apoiará a xestión de venda das parcelas polo IGVS e facilitará a obtención da licencia de obras polos compradores de parcelas, manterá a prohibición legal de establecer instalacións industriais en solo non cualificado urbanisticamente para este fin e esixirá o cumprimento dos prazos de edificación establecidos na licencia.
Descargar todas as imaxes