Escoitar

Máis de mil escolares de 4 a 9 anos asistirán ás representacións de teatro negro no Auditorio Municipal

Froito da colaboración do Servizo de Educación do Concello de Vigo e a Obra Social Caja Madrid, o Auditorio Municipal albergará desde este luns ata o xoves o espectáculo de teatro negro para escolares "No eres una lagartija", a cargo da Compañía Burgalesa "Fantasía en Negro Teatro". O mércores día 14 de novembro ás 19.30 hs haberá unha representación familiar en aberto, previa presentación de invitación correspondente.

luns, 12 nov 2007
1194876321teatronegro121107.jpg
A concelleira de Educación, Laura López Atrio, presentou a iniciativa este luns
Durante as dúas sesións matinais programadas para estes días ás 10.30 e 12.00 horas, 1.337 alumnos/as de 4 e 9 anos de infantil, 1º - 2º ciclo de educación primaria e de educación especial acompañados de 88 docentes, pertencentes a 39 centros de ensino da cidade, terán a oportunidade de achegarse a gozar da referida obra de teatro negro, ofertada no marco do programa educativo municipal "Vigo por dentro".

Sinopse

Detrás dunha rocha nace un pequeno ser parecido a unha lagarta de ollos vermellos. Os animais do bosque expúlsana dalí por ser diferente e o seu corpo comeza a medrar ata ser enorme. Ambientada con máxicos elementos que evocan a exuberancia da natureza, esta obra pretende trasladar a mensaxe de que a construción da nosa identidade depende de quen nos rodea, xa que son eles os que poden facer de nós seres monstruosos ou seres magníficos.

A compañía

A compañía burgalesa "Fantasía en Negro Teatro" ten unha extensa e contrastada traxectoria profesional. Na súa intensa actividade teatral pódense salientar obras coma "Brujas, Brujas", "La aventura peligrosa de una vocal presuntuosa", "Tragasueños", "El Regalo" (Premio Boulevar 2001, ao mellor espectáculo de teatro para nenos/as), "Si tienes un papá mago" e "No eres una lagartija"; espectáculos todos eles dirixidos ao público en xeral, pero concebidos especialmente para o público infantil cunha clara intencionalide didáctica.

Na actualidade a compañía utiliza como ferramenta a técnica da luz negra que envolve a maxia das verbas e da música e tenta incidir nos aspectos da personalidade infantil que considera máis relevantes.

As súas obrás céntranse no mundo dos afectos dos máis pequenos, axudando ao coñecemento da realidade, tan mediatizada polas emocións e sentimentos. Tamén se aborda o mundo dos valores: comunicación, non-violencia, esforzo, solidariedade, tolerancia... de xeito lúdico e co desexo de contribuír á formación das persoas através do entretemento.
Descargar todas as imaxes