Escoitar

O BNG propón medidas para que a práctica do botellón sexa compatible co dereito ao descanso

"Temos que garantir que os mozos teñan espazos para relacionarse e convivir de xeito compatible co dereito irrenunciable á limpeza e ao descanso", afirmou este luns o tenente de alcalde, Santi Domínguez, nunha comparecencia conxunta coa concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, na que explicaron a proposta que o BNG presentará na comisión que sobre o botellón se creará no Concello de Vigo.

luns, 12 nov 2007
1194876527alternativasocio121107.jpg
Na súa intervención, Santi Domínguez defendeu o dereito da mocidade a practicar o botellón e a dispor dun espazo ao aire libre para relacionarse, pero sempre e cando as aglomeracións "non sexan incompatibles co descanso dos veciños", sinalou o tenente de alcalde. Neste sentido indicou que non é o mesmo "a praza da Estrela que o Berbés, ou o Castro que a rúa Loriga", polo que deben desaparecer das zonas nas que non son compatibles.

Para facer posible esta compatibilidade, Santi Domínguez propón incrementar a seguridade nos espazos que efectivamente son compatibles, "para que os rapaces e rapazas non se vexan involucrados en liortas", aumentar o número de contedores "nos que depositar o lixo" e instalar urinarios públicos, entre outras medidas. Deste xeito, segundo Santi Domínguez, demostraríase que é posible "disfrutar do lecer dun xeito pacífico e ao mesmo tempo que os veciños poidan disfrutar do seu descanso". O tenente de alcalde asegurou que mesmo nas sucesivas xuntanzas que os concelleiros nacionalistas teñen mantido con xente que practica o botellón, ponse de manifesto que hai mozos e mozas que non están dacordo cos actos vandálicos ou coas molestias que se causan aos veciños.

Co obxectivo de tratar o tema da seguridade, "que sempre deberá ser disuasoria", o tenente de alcalde anunciou que vai solicitar unha entrevista co comisario xefe da Comisaría de Vigo, para tratar de incrementar a vixilancia nesas zonas. No entanto, Santi Domínguez sinalou que isto non ten por que implicar a presenza física continua dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, senón que no momento en que os rapaces e rapazas "tomen posesión" dos seus espazos, eles mesmos poderían comprometerse a mantelos "nos estándares axeitados de seguridade e limpeza".
Descargar todas as imaxes