Escoitar

O presidente da FISU amosa a súa receptividade á candidatura de Vigo para acoller a Universiada 2013

Durante o encontro que a delegación oficial do Concello de Vigo para acoller a Universiada do 2013 mantivo este xoves coas autoridades da Federation Internationale du Sport Universitaire (FISU) en Bangkok, o seu presidente, George Killian, amosou a súa receptividade para que a cidade olívica sexa a sede dese evento deportivo internacional no ano 2013.<br />

venres, 10 ago 2007
1186747964santiepresidentefisu100807.jpg
No acto, no que ademais do tenente de alcalde, Santiago Domínguez, participaron o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, a concelleira de Patrimonio, Elena Maure, e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, a delegación viguesa plantexou ao presidente da FISU a importancia que para Vigo ten a celebración desta competición internacional, así como a capacidade que xa ten demostrado a cidade na organización de eventos deportivos deste nivel.

"Explicamos a George Killian a ilusión que vive a cidade de Vigo coa posibilidade de acoller este grande acontecemento deportivo, polo que agora toca preparar un proxecto contundente", salientou dende a capital tailandesa Santi Domínguez, quen subliñou, así mesmo, o clima cordial no que transcorreu a entrevista.

Ademais, a delegación oficial do Concello de Vigo fixo entrega ás máximas autoridades da FISU das mensaxes persoais do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, nas que respaldan a candidatura da cidade. Nestas cartas, os representantes das institucións galegas expresan aos dirixentes da Federation Internationale du Sport Universitaire o interese da cidade de Vigo por acoller a celebración da Universiada.

A repercusión económica que tería a celebración da Universiada en Vigo radica en que nun período aproximado dunha semana, na cidade daríanse cita 10.000 atletas procedentes de 170 países, que ademais de participar nun amplo programa deportivo integrado por dez disciplinas de carácter obrigatorio e tres elixidas pola cidade organizadora, tomarían parte noutros actos como encontros culturais, conferencias, seminarios e foros entre reitores, profesores e estudantes universitarios de diversas disciplinas científicas.
Descargar todas as imaxes