Escoitar

A delegación viguesa en Tailandia reuniuse o mércores con autoridades de Bangkok

A delegación oficial do Concello de Vigo para acoller a Universiada de 2013, encabezada polo tenente de alcalde, Santiago Domínguez, mantivo este mércores diversos encontros coas autoridades relacionadas coa Universiada que se está a celebrar en Bangkok de cara a preparar un proxecto contundente para que a cidade sexa elexida sede deste evento deportivo internacional no ano 2013.

xoves, 9 ago 2007
1186663478epv0001.jpg
Así, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, a arquitecta Elena Maure e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, visitaron a Vila Olímpica, o centro de acreditacións internacionais, diversas instalacións deportivas, así como a delegación española. Neste sentido, saudaron a dous dos tres deportistas vigueses que se atopaban en Bangkok: o iudoka Miguel Romero e o atleta Álvaro Contreras. Tamén tentaron saudar a deportista Lúa Piñeiro, pero dada a inminencia da súa participación na competición resultou imposible.

Ademais, o tenente de alcalde, o concelleiro de Deportes e o reitor tiveron a oportunidade de departir co subdirector do Consello Superior de Deportes, Antonio Montalvo, a quen lle explicaron os plantexamentos do proxecto para que a cidade de Vigo conte coas mellores condicións posibles para resultar elixida. Posteriormente, a delegación viguesa asistiu á inauguración da Universiada, á recepción oficial da Federation Internationale du Sport Universitaire (FISU), e á comida oficial ofrecida polo primeiro ministro tailandés.

En paralelo á celebración das probas deportivas, a Universiada tamén acolle a organización de encontros culturais, conferencias, seminarios e foros entre reitores, profesores e estudantes universitarios de distintas disciplinas científicas.

As vindeiras edicións da Universiada terán lugar na capital serbia, Belgrado, no 2009, e na cidade chinesa de Schenzhen, no 2011. E ademais de Vigo, a cidade de Murcia tamén opta a organizar este evento no 2013.
Descargar todas as imaxes