Escoitar

Inauguradas as obras de acondicionamento da praza da Princesa e do seu contorno

mércores, 18 xul 2001
imx459.jpg
Acto de inauguración
As obras de remodelación da praza da Princesa, inauguradas polo alcalde Lois Pérez Castrillo, consistiron na creación dunha área peonal con pavimento de granito, na renovación das redes de saneamento e abastecemento e na instalación de mobiliario urbano. Contaron cun presuposto de 87.361.077 pesetas.

Castrillo fixo unha mención á historia da praza e dos seus edificios e dixo que esta obra constitúe ”o punto de partida para unha transformación máis profunda da Porta do Sol, un espacio emblemático de Vigo que iremos cambiando aos poucos proporcionándolle unha mellor imaxe a unha zona que é o corazón da cidade”.

A seguinte actuación será o derrubo das dúas edificacións que estreitan a entrada da rúa Doutor Cadaval, paso previo á ampliación desa rúa e á construcción do aparcamento e a praza de El Pueblo Gallego, explicou o alcalde.

”A praza da Princesa é só unha peza máis no ambicioso programa de rexeneración do centro histórico de Vigo que estamos a desenvolver dende hai dous anos e do que comezamos a ver agora os froitos”, sinalou.

O obxectivo desta obra era o de gañar espacio peonal na Porta do Sol e devolverlle á praza da Princesa o seu aspecto orixinal coa eliminación dos obxectos engadidos co paso dos anos que crearon barreiras arquitectónicas. A obra foi proxectada polos arquitectos Xavier Franco, Vicente Pintos, Javier Mariño e Manuel Toucedo.

Creouse unha área peonal de 2.000 metros cadrados con pavimento de granito tostado e dourado entre o que se conservan pedras do antigo enlousado da praza. Os bordillos peraltáronse para impedir o acceso de vehículos á praza e rebaixouse a beirarrúa no lugar destinado ó paso de peóns.

Renováronse e completáronse as redes de saneamento, abastecemento e rego. Soterráronse as conduccións de telefonía e alumeado público e creouse unha canalización para telecomunicacións. As tapas das arquetas están baixo o pavimento, coa súa correspondente sinalización e rexistro.

Modificouse o lugar de acceso ó aparcadoiro para gañar espacio peonal. A nova entrada ten un revestimento de planchas continuas de aceiro e os muros son de pedra tostada.

Instalouse unha marquesiña de aceiro con baño de galvanización en quente cunha cuberta de placas de policarbonato compacto transparente con superficie protexida contra os raios ultravioleta. Colocáronse 22 bancos, deseñados polos arquitectos Massana e Tremoleda, de madeira maciza resistente á brétema salina e catro papeleiras, deseñadas por Rafael Moneo, cun tronco cilíndrico de fundición de alumnio e unha cubeta de chapa galvanizada.

As reixas, canos e escudos da fonte foron deseñados polos autores do proxecto e realizados por Fundiciones Beneyto en Vigo. Hai nove luminarias de pé, 13 de parede, dez empotradas no chan e dúas nos piares da marquesiña. Ademais, plantáronse oito pradairos vermellos procedentes do viveiro de Poio.
Descargar todas as imaxes