Escoitar

O venres comeza o XIII Festival Folclórico Internacional

Esta nova edición chega a Vigo mañá venres, 13 de xullo, e ata o día 19 encherá a cidade de colorido, porque ademais das cinco actuacións previstas en auditorios pechados, haberá un grupo de animación polas rúas de Vigo tódolos días dende o sábado 14 ata o xoves 22 de xullo. Un ambicioso programa folclórico que ten como obxectivo a procura da convivencia entre culturas, entre homes e mulleres de países e culturas distintos. Os grupos que actuarán nesta edición do festival proceden de Cidade Real, Chile, Cuba e o Cáucaso.

xoves, 12 xul 2007
1184241460festival.jpg
Balálita (Almodóvar del Campo, Cidade Real), naceu en 1970 para revivir e perpetuar o antigo folclore, as vellas danzas e as cancións do pobo. Entre o seu repertorio conta con xotas, fandangos, seguidillas, e outros estilos de bailes típicos da zona á que pertence, así como un vestiario de labranza, de paseo, de festa ou de voda.

Os cubanos Telón Aberto son unha agrupación folclórica denominada grupo reprodutor, formada por estudantes, traballadores e antigos alumnos da Universidade de Cego de Ávila, situada na rexión central da provincia de igual nome, a uns 400 km ao leste da cidade da Habana. Esta agrupación foi creada o 27 de maio de 1997 baixo a dirección artística do prestixioso folclorista e profesor universitario José Félix Rópeda Paso, do Departamento de Extensión Universitaria da Universidade. Telón Aberto consta dun elenco de máis de 60 integrantes entre músicos, bailaríns e asociados, que interpretan diversos ritmos nacionais e caribeños presentes no noso territorio con cinco temáticas que abarcan: bailes de salón dos séculos XVIII e XIX; bailes campesiños cubanos; congo real; bailes xamaicanos e bailes populares cubanos.

O terceiro grupo que actuará este ano no Festival Folclórico é Khasaviurt, fundado no ano 1986 no centro urbano da cultura da cidade de Khasavyurt, en Daguestan (Cáucaso Norte), polo que leva o nome desa cidade. Daguestan é unha das repúblicas autónomas da Rusia federada, situada na faldra norteo do gran Cáucaso, onde linda ao norte con Asia. O grupo está integrado polo corpo de baile cunhas 28 persoas e unha parte musical formada por 8, que tocan instrumentos tradicionais do Cáucaso. Entre eles, o acordeón nacional, zurna, pkhatic e tambores. A idade dos membros oscila entre os 14 e os 18 anos. Son moi coñecidos e laureados en Rusia, e participan en moitos certames por todo o mundo.

Por último, o festival contará coa presenza dos chilenos Raquel Barros. Esta agrupación folclórica foi fundada en 1953 para a investigación, estudo e difusión do folclore, tendo como asesores destacadas personalidades como o musicólogo Carlos Lavin, o etnólogo Bernardo Valenzuela e os investigadores do folclore Raquel Barros e Manuel Dannemann.
Descargar todas as imaxes

Máis información