Escoitar

Turismo convoca o II Plan de Excelencia Hostaleira, con máis de 26 millóns de pesetas en axudas

martes, 20 mar 2001
imx44.jpg
A Concellería de Turismo e Comercio concederá axudas por un total de 26 millóns de pesetas a todos aqueles establecementos hostaleiros que realicen proxectos de reforma nos seus locais e que teñan unha incidencia directa na imaxe que os mesmos ofrecen ós visitantes, turistas e cidadáns.

A Comisión de Goberno do pasado luns aprobou estas axudas convocadas pola Concellería de Turismo e Comercio dentro do Plan de Excelencia Hostaleira 2001. Esta convocatoria tivo unha grande acollida na súa primeira edición, xa que se solicitaron axudas para máis de 60 establecementos da cidade.

O Plan de Excelencia Hostaleira ten como obxectivo elevar a calidade dos servicios que ofrecen os restaurantes, cafeterías, bares e hoteis da cidade, para respaldar e consolidar o papel de Vigo como destino turístico de primeira orde. O plan, que terá continuidade nos próximos anos, será compatible coas axudas previstas por outras administracións.

Poderán beneficiarse destas axudas tódalas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos hostaleiros do término municipal, que pretendan desenvolver actividades de dinamización dos seus locais tales como actuacións en directo, actividades culturais ou promoción de gastronomía: así como obras e proxectos de remodelación que incidan directamente na imaxe e os servicios de cara ó turismo como limpeza de fachadas, pintados, terrazas on mobiliario unificado, toldos ou acondicionamento de servicios públicos, entre outros.

A Concellería de Turismo e Comercio subvencionará ata un máximo do 60% do investimento total, e cun límite de 500.000 pesetas por proxecto, agás que o interese turístico do proxectado recomende o contrario.

A concelleira de Turismo, Dolores Villarino, sinalou que se debe apostar pola diversificación da oferta e pola mellora da calidade nos establecementos e, polo tanto, da competitividade. Por este motivo, quérese incentivar e motivar os profesionais para que realicen investimentos nos seus negocios, que redundarán na mellora do servicio.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2001.
Descargar todas as imaxes